O Correo de A Costa da Morte

O goberno de Cee pide explicacións á Xunta polo cambio de decisión para reubicar a nova oficina de emprego

  • 19 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

CEE. O goberno local de Cee, que preside Margarita Lamela, esixe “explicacións” á Consellería de Emprego e ao candidato do PP ceense, polo cambio de decisión da ubicación da nova oficina de emprego, para a cal o Concello xa cedera á Xunta, “de xeito gratuíto e por 50 anos”, o edificio do antiga casa consistorial. Agora, engaden, “enterámonos polo Diario Oficial de Galicia que a Consellería de Promoción de Emprego, o pasado martes, día 15, anuncia un procedemento para a compra, por concurso, dun inmoble en Cee con destino a oficina de emprego”.

A rexedora lembrou, en rolda de prensa, que a Xunta solicitou unha subvención para reformar o inmoble cedido polo Concello con cargo a unha axuda de 377.520 euros que lle foi ingresada polo Estado en febreiro de 2019.

En maio de 2020, a Consellería de Economía solicitou a cesión gratuíta da antiga casa consistorial por 50 anos, a cal foi acordada polo pleno de Cee en xuño de 2020, e aceptada en setembro. Posteriormente, en maio de 2021 a consellería adxudicou a redación do proxecto e en abril de 2022 solicitou a licenza de obra, que lle foi outorgada en agosto, mes no que se licitaron as obras. A licitación quedou deserta “e me informaron verbalmente do inicio dun novo procedemento para iniciarse as obras en xaneiro de 2023”, afirmou Margarita Lamela.

Non obstante, o pasado día 15 víronse “sorprendidos” co anuncio no DOG, “vulnerando a Xunta os principios de coordinación, cooperación, transparencia e confianza lexítima que rixen entre as Administracións públicas”, afirmou a alcaldesa. Ante esta situación, requeriu por escrito á conselleira de Promoción do Emprego, que “informe do obxectivo e xustificación de interese público da licitación cando xa ten á súa disposición un edificio cedido gratuitamente”. Esixe tamén explicacións ao candidato do PP “polos feitos que están a acontecer desde o seu nomeamento, e se participu nesta decisión política”.

A rexedora ceense lembrou que a proposta de reubicar a oficina de emprego na antiga casa consistorial tiña como obxectivo “axudar a revitalizar o casco antigo da vila”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.