O Correo de A Costa da Morte

Camariñas alíase co medio natural e reforza o plan de compostaxe

  • 24 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Concello de Camariñas leva anos convencido de que a compostaxe é o mellor xeito de xestión para a súa materia orgánica e así o reflicte ano a ano sumando familias a esta iniciativa. Nesta nova fase, ademais de contar con xa case 100 novas vivendas participantes, atópanse moito máis repartidas por todo o termo municipal, unha cuestión importante para o aforro de emisións.

“Compostando nos fogares, evitamos que os residuos viaxen e reducimos as emisións de gases de efecto invernadoiro axundando a frear o cambio climático”, explica o concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Caamaño, que engade que “ademais, aproveitamos a sabedoría colectiva de todas as persoas de edicións pasadas para crear a Rede local de compostaxe, un espazo, por agora virtual, no que veciñas e veciños comparten as súas experiencias, axudan a resolver dúbidas e achegan trucos ou consellos valiosos para os que comezan”. Trátase dunha rede que está aberta a todas as persoas que compostan en Camariñas.

Outra das novidades é que os centros de ensino do municipio tamén teñen a posibilidade de participar no proxecto. Por agora a punta de lanza lévaa o CEIP Ponte do Porto, que acaba de sumarse e seguro que servirá de inspiración ao resto.

A finais deste mes de maio, as técnicas de Amigos da Terra comezarán as visitas de seguimento nos domicilios, axudando aos participantes a resolver dúbidas, recoller datos, dar recomendacións e facer un bo aproveitamento de todo o proceso.

O proxecto de compostaxe está subvencionado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia e os fondos FEDER da Unión Europea, e aínda está aberto para as persoas que queiran participar. O único requisito para formar parte deste programa é ser veciño do Concello, ter un pequeno xardín ou terreo e estar disposto e motivado a formar parte deste proxecto educativo e formativo.

Outros entes locais da Costa da Morte, entre eles os da Laracha, Carballo, Coristanco e Vimianzo, tamén implantaron a compostaxe, que no caso dos dous primeiros complementaron tamén coa recollida da quinta fracción en colectores marróns. Unha materia orgánica que envían á planta de Sogama, onde elaboran con ela un compost de alta calidade.

Carballo foi o municipio pioneiro nesa acción, e o seu modelo de xestión de residuos está a servir de exemplo para outros concellos de Galicia. Así, o concelleiro de Servizos, Luis Lamas, foi convidado para presentar o mesmo na xornada de clausura do proxecto europeo Tropaverde, que tivo lugar en Santiago de Compostela. Destacou que unha das claves foi “traballar para conseguir a implicación da veciñanza” e que se identificase co lema Carballo Limpo, "buscando deste xeito unha complicidade que foi vital en todas as medidas postas en marcha”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.