O Correo de A Costa da Morte

Formación en Vimianzo para a xestión de piñeiros dun xeito integral

Agacal impartirá, do 20 de outubro ata o 5 de novembro, un curso que inclúe prácticas

  • 19 oct 2021 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Vimianzo. A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza dende este mércores 20 de outubro na Casa da Cultura de Vimianzo un curso sobre xestión integral de piñeiros. A iniciativa está previsto que se desenvolva deica o 5 de novembro, nun total de nove días con 40 horas de formación entre teoría e práctica.

O obxectivo é identificar os aproveitamentos complementarios da madeira de piñeiro, principalmente a resina, os cogomelos e o gando. Búscase dotar aos profesionais ou propietarios forestais das competencias referentes a estes aproveitamentos, achegándolles coñecementos e ferramentas relacionados como as técnicas de extracción de resina existentes ou a identificación de cogomelos e o seu establecemento a través da micorrización.

Así, a acción comezará cunha introdución sobre a situación do sector forestal en Galicia, para seguir falando do aproveitamento do piñeiro e dos modelos silvícolas, do aproveitamento resineiro nos piñeirais e dos métodos de extracción de resina. Posteriormente trataranse os sistemas silvopastorais e o aproveitamento micolóxico contemplando a produción, a recolección e a comercialización, así como a identificación de distintas especies de interese culinario.

Canto á parte práctica, o curso non só contará cunha visita guiada para ver en campo os diferentes aproveitamentos referidos senón tamén con prácticas específicas de extracción de resina, de micorrización ou de análise da viabilidade económica das opcións propostas.

A acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.