O Correo de A Costa da Morte

Homenaxe en Cee a Concha Blanco

  • 10 jun 2021 / 11:19
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) recoñecerá este sábado, día 12, como Escritora na súa Terra á ceense Concha Blanco. A iniciativa conta co apoio do Concello de Cee, CEDRO, Xunta de Galicia e Deputación da Coruña.

O acto comezará ás 11:15 co descubrimento dun monólito conmemorativo e a plantación dun pradairo/acer, unha árbore simbólica para a escritora. Todo elo na Praza Concha Blanco, (zona axardinada detrás do mercado de abastos), que tamén será inaugurada coincidindo con esta homenaxe. Intervirán a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela; Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, e a propia escritora homenaxeada.

Despois, ás 12.30 na casa da cultura, terá lugar o acto de entrega da Letra E, unha peza escultórica elaborada por Soledad Peralta, e durante o cal Pilar Sampedro fará a laudatio a Concha Blanco. A xornada rematará cun xantar no restaurante-hotel Oca Insua, de Cee, a partir das 14.30 horas.

Pola súa banda, a Biblioteca Pública Municipal Francisco Mayán, de Cee, tamén quixo sumarse á homenaxe organizando unha mostra bibliográfica da obra de Concha Blanco. A través de algo máis de 70 libros e diversos documentos procedentes dos fondos propios do centro bibliotecario, a mostra pretende amosar o legado cultural que está a deixar, Concha Blanco, “como creadora e escritora comprometida coa nosa cultura e lingua galega”, afirma o bibliotecario, José Ramón Rey Senra. Unha autora, engade, que ao longo da súa vida escribiu narrativa para nen@s, pero tamén para adultos, así como outros xéneros literarios, tales como poesía ou teatro. Na exposición tamén se poden ler as dedicatorias que a escritora realizou nas súas obras, co obxectivo de enriquecer o fondo local da biblioteca ceense.

Rey Senra quere facer público o seu “agradecemento a Concha Blanco por doar un lote de libros da súa obra literaria ao fondo bibliográfico da Biblioteca Pública Municipal Francisco Mayán”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.