O Correo de A Costa da Morte

Homenaxe fotográfico ás palilleiras de Camariñas

A praza da Insuela acollerá ata outubro 22 tótems con imaxes de artesás de todas as idades // Enmárcase na Mostra Virtual

  • 31 mar 2021 / 18:11
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A praza da Insuela de Camariñas acollerá ata o mes de outubro a exposición Palilleiras. Presente e futuro coa que se pretende rende homenaxe ao traballo das palilleiras, unha tradición convertida en profesión que forma parte do patrimonio do municipio.

A mostra consta de 22 tótems fotográficos que forman parte dun proxecto da fotógrafa Ana García. O acto inaugural, emulando ao que sería nunha situación de normalidade a inauguración da Mostra do Encaixe, incluíu o tradicional corte de cinta por parte da alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a autora das imaxes. Asistiron tamén os alcaldes e alcaldesas de Cee, Malpica, Ponteceso, Muxía e Vimianzo, ademais da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, entre outros.

A rexedora afirmou que “poucos homenaxes son tan merecidos como este xa que elas son o maior símbolo de Camariñas e en moitas partes do mundo coñécennos grazas á súa labor e esforzo creando arte a través do encaixe”. Felicitou a Ana García “por permitirnos gozar desta fermosa exposición”.

Manuel Heredia asegurou que dende a Xunta “sempre estaremos ao lado do sector artesán e este é un dos máis destacados da comunidade”.

Pola súa banda, a fotógrafa Ana García, destacou que “é imposible non enamorarse do encaixe de Camariñas e isto é unha homenaxe ao labor e esforzo das palilleiras”.

Esta exposición forma parte dos actos da segunda Mostra Virtual do Encaixe que, ata o domingo, 4 de abril, exercerá como canle de comercialización do encaixe e tamén como plataforma de divulgación das coleccións que participan no certame de Xoves Deseñadores .

Os internautas xa poden ver os vídeos das creacións de de moda, que foron gravados por alumnos do Grao en Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña (UDC) en diferentes localizacións do municipio e con modelos locais como protagonistas. Tamén terán o seu propio espazo, entre outros, as palilleiras, as nenas das escolas de palillo ou o voluntariado.

A clausura será o domingo e correrá a cargo da directora da Mostra, Dolores Lema, e da concelleira da Mostra, Encarna Liñeiro. Ademais, tamén haberá espazo para a música, xa que o Grupo Jaque quixo formar parte deste evento cunha versión propia da coñecida canción Camariñas’. As plataformas de emisión da segunda edición da Mostra Virtual son a páxina de Facebook da Mostra (@MostradoEncaixe) e tamén hai contidos no Instagram (@Mostraencaixecamarinas) e na canle de Youtube (@Mostradoencaixe).

Esta segunda edición virtual será a antesala da XXX Mostra do Encaixe presencial, que se celebrará do 8 ao 12 de outubro, debido a actual situación sanitaria, e que xa tivera que ser suspendida o pasado ano debido ao confinamento provocado pola COVID, xa que a tradicional feira das puntillas víñase celebrando cada ano coincidindo coa Semana Santa.

RUTAS. A edición virtual axuda a manter vivo ese espíritu artesán na vila de Camariñas que, ademais, estes días ofrece a veciños e visitante a posibilidade de gozar de vinte rutas, debidamente sinalizadas, para descubrir e gozar dos atractivos do municipio dun xeito seguro.

Os técnicos deportivos municipais deseñaron varios percorridos novos e incorporaron algúns sendeiros existentes, sumando 220 quilómetros. Trátanse de roteiros dirixidos a diferentes tipos de usuarios e afeccionados de modalidades como o sendeirismo, o running ou o ciclismo. Todas as rutas poderán seguirse no móbil.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.