O Correo de A Costa da Morte

Muxía lembrará a Rosalía de Castro con música, poesía e relatorios

Será o sábado, día 31, e os actos terán lugar no parador e tamén nas rúas da vila da Barca

  • 26 oct 2020 / 16:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Muxía. A Fundación Rosalía de Castro organiza o sábado, día 31 de outubro no Parador de Muxía, a xornada Rosalía na Costa da Morte. O obxectivo é levar á autora aos lugares xeográficos e simbólicos que foron importantes na súa vida e obra.

A relación de Rosalía de Castro coa Costa da Morte foi fecunda. Situou a súa primeira novela La hija del mar en Muxía, e a esta vila dedicoulle tamén un dos poemas máis coñecidos de Cantares galegos, Nosa Señora da Barca. A esta comarca realizou asemade unha viaxe por mor da súa amizade coa irmá de Eduardo Pondal, Eduarda.

Na xornada repasaranse as redes tecidas pola autora na Costa da Morte: as relacións persoais e literarias e a obra insipirada nestas paraxes, facendo dialogar a súa obra coa cultura actual na Costa da Morte e co Camiño de Santiago. Comezará ás 11.00 horas e xuntará a expertos na obra rosaliana como María López Sández ou o muxián Manuel Vilar Álvarez, director do Museo do Pobo Galego.

Os relatorios complementaranse con roteiros pola vila da Barca guiados por Viki Rivadulla e Xurxo Souto.

Ademais, terá lugar un recital poético protagonizado por autores de Costa da Morte, como Rosalía Fernández Rial, Modesto Fraga, Estevo Creus, Miro Villar, Alexandre Nerium, Rafael Lema, Concha Blanco e María Canosa. A xornada rematará cun concerto de Belem Tajes.

Para participar hai que reservar praza a través do correo fundaciónrosaliadecastro@gmail.com. J. M. RAMOS

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.