O Correo de A Costa da Morte

O castro das Barreiras revela que Vimianzo xa era un cruce de camiños na Prehistoria

Rematou unha nova campaña de escavacación na que se abriron dous sectores // Recuperáronse moitos máis fragmentos de cerámica de diversos estilos

  • 11 jun 2021 / 21:14
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Este venres rematou unha nova campaña de escavación no Castro das Barreiras, de Vimianzo, un xacemento arqueolóxico “moi potente” que contén unha cantidade de información “única”, segundo sinala Tito Concheiro, arqueólogo xefe do equipo de Terra Arqueos.

“É como un volcán, cada seis meses entra en erupción, que é cando vimos aquí, sempre nos proporciona unha cantidade de información que nos fai ser ambiciosos”, engadiu. Nesta edición abriron dous sectores para facer a visita aínda máis satisfactoria. Por isto, agora queda á vista unha área visitable con seis cabanas e un pano de muralla de máis de trinta metros de lonxitude, con tres escalóns (descubriuse un novo este ano) e onde se ten posta agora a mira esperanzadora: o parapeto, onde seguramente se atope mellor conservada.

Escavouse a sexta vivenda, que xa se albiscara na campaña precedente, de planta ovalada cun fogar central feito de arxela, un detalle moi emotivo porque “é o corazón da familia. É a cociña, onde se quentaban e onde se contaban os contos. É un pouco a lareira da cultura tradicional galega”, admite Concheiro. Entre a muralla e esa vivenda atoparon unha serie de estruturas negativas, é dicir, os ocos que restan son construcións feitas en madeira. “Isto é moi importante, xa que neste castro había moita madeira. Construían unha serie de alpendres pegados á muralla. Entre a arquitectura de pedra e o paramento da muralla había estruturas de madeira, que agora temos que imaxinar. É fundamental visitar os castros con imaxinación”, sinala.

“O que sae é sempre unha mínima parte do que foi”, sinala Tito Concheiro. A nivel material atopáronse moitos fragmentos que xa descubriran no vertedoiro cerámico, de diversos estilos. Agora hai que clasificalos e estudalos pero “a bote pronto, é un material interesantísimo, moi rico e cunha porcentaxe de decorado grande, que deixa entrever que estabamos nun cruce de camiños”. Vimianzo así o é considerado hoxe en día e, segundo Concheiro, “xa o era na Prehistoria”, xa que no xacemento son apreciables as influencias de varias zonas, como Artabria ou as RíasBaixas.

“O balance non pode ser máis positivo. Estamos moi contentos de como saíu. O Concello de Vimianzo acolleunos sempre moi ben e quero agradecerlle á alcaldesa e á concelleira de Cultura ter apostado por este xacemento arqueolóxico. Tivemos un programa que o dinamizou coas visitas de centros educativos. É moi importante que o coñezan, porque ten un potencial educativo e lúdico único”, indicou o arqueólogo, quen quería deixar patente que “o Concello de Vimianzo está recuperando a súa memoria. Estes son os primeiros vimianceses e vimiancesas, e temos que estar orgullosos do que fixeron, tanto como o que estamos a facer agora, lembralos e descubrilos”.

Pola súa banda, Luis Francisco López, membro do equipo de arqueólogos, recalcou que intentarán precisar os límites cronolóxicos. “Cando se funda, cando se abandona e máis que nada é o que intentaremos precisar un pouquiño máis, porque así entenderemos mellor este xacemento”, sinalou.

A rexedora vimiancesa, Mónica Rodríguez, recalcou que “a imaxe cambiou moito, e é unha satisfacción. O noso compromiso é continuar, xa pensando na campaña de outono, que se fará, porque o noso interese desde a concellaría de Cultura e de todo o goberno é pensar nese enfoque frontal que temos aí, que temos ganas de descubrir para darlle continuidade a este cruce de camiños”.
Agradeceu a Ticho Concheiro e ao seu equipo “o inconmensurable traballo”, e a concelleira de Cultura, Rosa Blanco, sinalou que “en outono, cun contexto máis favorable sanitariamente falando, agardamos seguir amosándolle ao mundo esta xoia do noso patrimonio”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.