O Correo de A Costa da Morte

O comité de Xeal recorre na vía penal a venda das factorías de Cee e Dumbría

Aseguran que o fan para “salvagardar os intereses dos traballadores e garantir o futuro industrial da comarca”

  • 02 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O comité de Xeal vén de presentar denuncia penal contra a directora Augas de Galiza, o conselleiro delegado do Grupo Ferroatlántica, os administradores de Ithaka Partners e o apoderado de Xeal por “posíbeis delitos de prevaricación por omisión, delito de prevaricación polo ditado dunha resolución inxusta e por un delito contra os traballadores”. Acordaron iniciar esta vía “ante a pasividade reiterada da Xunta para requerille á empresa que cumpra coas cláusulas esenciais das concesións hidroeléctricas e as diferentes sentenzas xudiciais que avalan a vinculación das actividades enerxética e de produción de ferroaliaxes”, afirman.

A representación do persoal advirte que esta “falta de dilixencia do Goberno galego” provoca que “a empresa se sinta cada vez máis impune para avanzar no proceso de desmantelamento das fábricas e na destrución de postos de traballo, pondo en risco a viabilidade das plantas de Cee e Dumbría”. Din que se viron “na obriga de ter que denunciar penalmente a operación de compra- venda para salvagardar os intereses dos traballadores e traballadoras presentes, dos que poidan entrar no futuro, do colectivo de persoal pasivo, e garantir o futuro industrial da comarca”.

Na denuncia solicítase a apertura de dilixencias de investigación oportunas “para esclarecer a legalidade do operación de compra-venda argallada entre Ferroatlántica e o fondo Sixth Street Partners, así como das resolucións emitidas polo ente público Augas de Galiza a este respecto, posto que é o órgano competente para velar polo respecto ás cláusulas e decretar o rescate das concesións en caso de incumprimento”, engaden.

Dende o comité entenden que a operación materializada en agosto de 2019 “constituía unha fraude cuxo único obxectivo era segregar de maneira encuberta a produción de ferroaliaxes da xeración eléctrica, sendo esta a única actividade na que ten interese real o fondo de investimentos debido aos elevados beneficios que reporta”. De feito, subliñan, “FerroGlobe segue a dirixir as fábricas, xa que é o grupo de Villar Mir quen subministra as principais materias primas e quen compra en exclusiva toda a produción de Cee e Dumbría. Que controla as fábricas resulta tan obvio, que o grupo corre con todos os gastos, incluídas as nóminas do persoal; mentres que a dirección actual o único que xestiona son as centrais hidroeléctricas, incumpríndose así as cláusulas concesionais”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.