O Correo de A Costa da Morte

Pechan sen acordo as negociacións dun novo convenio colectivo en Xeal

  • 16 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Cee. O comité de empresa de Xeal asegura que a compañía “rachou de maneira unilateral, na reunión celebrada o martes no Consello Galego de Relacións Laborais, as negociacións, deixándo os traballadores e traballadoras sen convenio colectivo propio. A empresa xa anunciou que non recoñece dereitos sociais consolidados, como o lote de Nadal que se viña entregando dende hai máis de 40 anos.

Esta decisión, engaden chega despois das tres reunións mantidas no marco da mediación solicitada polo comité no AGA para desbloquear a negociación do convenio propio, así como o plan de igualdade, e das diferentes propostas trasladadas pola parte social, “que a empresa se negou sequera a avaliar”.

Consideran que este “é un paso máis no deterioro progresivo que viven as fábricas de Cee e Dumbría dende a chegada hai dous anos do fondo de investimentos TPG-Ithaka. Despois da rebaixa drástica da produción, do recorte de emprego e da falta de investimentos nas plantas, a empresa ataca agora os dereitos conquistados polos traballadores, deixando sen aplicación o convenio propio e eliminado as melloras sociais que o texto recolle tanto para o persoal activo, como para o pasivo, e mesmo as que supoñen un beneficio para a comarca”.

A este respecto señalan que, “á non entrega do lote de Nadal hai que engadir que non se vai realizar a contratación anual dos 8 mellores alumnos de FP, que serve de renovación do cadro de persoal”.

Asembleas este xoves nas fábricas e no Concello

Diante disto, o comité ten convocadas asembleas de traballadores e traballadoras para este xoves, 16 de decembro, ás 10.00 horas na fábrica de Brens e ás 12.00 na de Dumbría. Pola tarde haberá asemblea co persoal xubilado e pasivo, tamén afectado pola decisión da empresa, ás 18.00 horas, no salón de actos do Concello de Cee, “para, entre outras medidas, chamar a mobilización”.

De igual xeito, o comité xa avanza que levará a cabo todas as accións sindicais e xudiciais que sexan precisas para garantir o mantemento do convenio de empresa “e na defensa dos dereitos que tanto lle custou conquistar ao persoal”. Neste senso, tamén demandan da Xunta “que deixe de ser cómplice destes ataques de Xeal, que lle esixa o inmediato cumprimento das cláusulas das concesións (asi como a sentenza do TXSG) e que proceda a reversión dos dereitos de explotación das centrais hidroeléctricas, ante a teima da empresa de desmantelar o complexo industrial e que segue recortando dereitos”.

Nun momento no que a electricidade alcanza prezos históricos un día tras outro, engaden, “o Goberno galego non pode consentir que un fondo especulativo obteña beneficios millonarios a conta de explotar os nosos recursos naturais, mentres que leva á ruína as fábricas de ferroaliaxes e a toda unha comarca”.

Aplicación do convenio provincial

Pola súa banda, dende a empresa sinalan que, a pesares dos máis de 15 meses de esforzos para acadar un novo convenio colectivo “equilibrado e satisfactorio” para todas as partes, incluíndo o proceso de mediación por parte do Consello Galego de Relacións Laborais, “non se poido chegar a un acordo”. Por iso, engande, tal e como marca a lexislación, “será de aplicación o convenio sectorial de ámbito superior, neste caso o Convenio Provincial do Metal”.

Lembran que en setembro de 2020 comezaron os trámites necesarios para negociar un novo convenio co obxectivo de renovar e poñer ao día o actual “dacordo coas tendencias laborais actualizadas”. Sen embargo, engaden, “a pesares dos numerosos esforzos e propostas realizadas pola empresa, a negociación prolongouse máis de 15 meses sen que fora posible chegar a un acordo, e superando o prazo de 12 meses establecido polo marco legal vixente”.

Dende Xeal sinalan que, ao longo deste proceso, a compañía realizou “numerosas propostas para ser incluída nun novo acordo que suporía unha mellora substancial das condicións laborais actuais e incluirían tamén os cambios estructurais necesarios para mellorar a competitividade, moi necesaria nos tempos actuais, e que en xeral redundaría en beneficio de todos os empregados”.

Sinalan ademais que a empresa segue “en disposición para negociar un convenio propio para o beneficio de todos os seus traballadores, acorde cos tempos actuais, aínda que mentres iso sucede os seus dereitos estarán protexidos polo convenio de rango superior”. A compañía establecerá un periodo transitorio de 6 meses para a aplicación gradual do convenio colectivo provincial, que é o tempo que estima necesario para a adecuación dos sistemas de xestión e os procedementos de funcionamento afectados polo cambio do convenio propio ao provincial, ademais de asegurar que o proceso “se faga de forma tranquila e garantista”.

A empresa agradece ao Consello Galego de Relacións Laborais “toda a axuda e esforzos realizados durante o proceso de mediación”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.