O Correo de A Costa da Morte

Retomarán os controis sanitarios da calidade da auga na praia de Lires

Levaba excluída cinco anos e o obxectivo é que poida volver a ser apta para o baño

  • 12 abr 2021 / 21:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Cee. A xefatura territorial da Consellería de Sanidade comunicou a alcadesa de Cee, Margarita Lamela, que dende o día de hoxe a praia de Lires foi incluída nos controis sanitarios desta temporada 2021, ao obxecto de comprobar a mellora da calidade da auga e valorar a súa posible inclusión no censo oficial de zonas de baño de Galicia.

Así llo solicitara o pasado mes de marzo a rexedora despois das actuacións realizadas polo Concello na depuradora de Lires a finais de 2020. Lamela lembra que a praia foi excluída dos referidos controis despois de obter a clasificación sanitaria Insuficiente durante 5 anos consecutivos, de acordo co Real Decreto 1341/2007.

A rexedora ceense asegura que “é un paso importante, pero hai que darlle unha solución definitiva ao problema”. Con tal fin, engade, o Concello está traballando “nesa liña, en colaboración cos veciños e veciñas de Lires, representados por David Castiñeira e Mariví Areas”. Ademais, Margarita Lamela ten previsto reunirse coa directora de Augas de Galicia.

Os controis faranse ata o mes de setembro, polo que, no caso de que resulten positivos, o vindeiro ano podería ser apta para o baño. Non obstante, haberá que comprobar se o único foco contaminante era a depuradora, ou ben hai outros. A este respecto, a alcaldesa non descarta incluso que poida ser un problema que excede o ámbito municipal de Cee.

Lamela lembra que Lires é unha aldea cunha arraigada tradición de turismo rural e que actualmente conta cun importante número de familias que viven directamente do turismo. Concretamente hai cinco bares/restaurantes e catorce negocios de hospedaxe, entre os que se atopan casas de turismo rural, hoteis e pensións, apartamentos turísticos e vivendas vacacionais. “É evidente a incidencia negativa da clasificación sanitaria Insuficiente durante cinco anos consecutivos que levou a exclusión da praia do programa de control de augas de baño”, conclúe.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.