O Correo de A Costa da Morte
Emigración. Estrearon o centro de Bendern despois dun ano sen ter un punto de encontro // “Volvemos nacer”, asegura o presidente do colectivo, Manuel Figueroa TEXTO J. Manuel Ramos

Reviven as xuntanzas de galegos no Principado de Liechtenstein

  • 25 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Despois de case un ano de longa espera, a comunidade galega residente en Liechtenstein volve a ter un punto de encontro no que compartir experiencias e momentos de ocio. Aproveitando que era festivo e que comezou a desescalada no Principado, este luns abríronse por vez primeira as portas da nova sede do Centro Español Apóstol Santiago, situada no núcleo de Bendern.

“Acabamos de nacer de novo”, afirmaba o presidente do colectivo, o muxián Manuel Figueroa, mentres compartía as primeiras horas do novo centro en compañía de moitos dos que fixeron posible este reto, logo de que en xuño de 2020 tivesen que deixar o local que durante corenta anos fora a “casa” de todos os galegos e dos emigrantes doutros puntos de España residentes en Liechtenstein.

Nos últimos meses do pasado ano foron moitos os que traballaron arreo, adicando o seu tempo libre a acondicionar e equipar o novo local coa idea de poder volver a xuntarse nas navidades ou, como moito, arrincar alí o 2021, pero a COVID botou por terra todos os seus plans, xa que ata onte non se permitiu a apertura no interior dos locais hostaleiros no pequeno Principado.

“Foi longa a espera e a xente estaba desexando esta apertura, que facemos con moita prudencia, á espera de ver como evoluciona a situación”, sinalaba Figueroa, quen ten previsto convocar, “antes de xullo, ou á volta das vacacións, unha asamblea xeral para render contas a todos os socios do que se fixo, programar unha grande homenaxe a todos os que traballaron para que isto sexa hoxe unha realidade, e tamén un acto oficial de inauguración, ao que convidaremos a diversas autoridades para que nos acompañen”.

En canto ao novo centro, asegura que “melloramos e moito en canto a amplitude e calidade das instalacións, pero tamén mudaron de xeito radical as condicións, polo que teremos que colaborar todos para que isto teña futuro”. Hai que lembrar que na anterior sede non pagaban alugueiro, xa que a tiñan cedida de xeito gratuíto pola administración local de Schaan que, durante catro décadas, asumiu tamén os custos dos subministros.

Ademais do local, tamén renovaron a xerencia do mesmo, que agora asumiu Ramón Dosil, que será o encargado de dinamizar a cafetería e o restaurante do novo centro que estará aberto todas as fins de semana, festivos e tamén as vésperas dos días non laborables.

Para facer fronte aos novos retos e, sobre todo aos gastos que agora terán que asumir os propios socios, Manuel Figueroa e a xunta directiva xa teñen solicitadas axudas á Xunta e ao Goberno español, a través da súa embaixada. Ademais, o propio presidente xestionou unha subvención cunha fundación de Liechtenstein coa que “alomenos durante cinco anos teremos cubertos os custes do alugueiro”. Un apoio “moi importante”, asegura, que lles permitirá comezar esta nova etapa co obxectivo de “manter vivas as nosas raíces e poder seguir desfrutando por moitos anos dun centro galego”, engadiu.

Ese é o reto que se marca Manuel Figueroa, quen leva varias décadas á fronte do colectivo e 42 anos residindo en Liechtenstein, a onde emigrou cando tiña só dezaoito. Coma el outros moitos homes e mulleres de diferentes puntos de Galicia, e especialmente da Costa da Morte. Actualmente o centro conta con máis de cento cincuenta socios, aínda que dos servizos que ofrece desfrutan moitas máis persoas, incluso cidadáns do Principado.

Se a ansiada nova normalidade o permite, agardan poder recuperar as tradicionais partidas de cartas e dominó, as festas campestres a base de churrasco e viño galego e, como non, a gran xuntanza anual á que acudían cada ano máis de cincocentas persoas. De momento, xa “vemos luz á fin do túnel”, sinala Figueroa.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.