O Correo de A Costa da Morte

Solicitan unha auditoría das depuradoras e redes de saneamento de Cee

Dende o BNG entenden que se deben buscar solucións definitivas aos continuos problemas

  • 15 abr 2021 / 07:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O BNG de Cee solicita que se encargue a unha empresa especializada a elaboración dun estudo das estacións depuradoras e das redes de saneamento de cada núcleo para diagnosticar os problemas das mesmas e ofrecer solucións definitivas ao seu estado.

Serxio Domínguez, portavoz nacionalista, asegura que “en Cee arrastramos un problema grave pola mala planificación, desde fai lustros, no que ten a ver co tratamento das augas residuais, o que leva a que o goberno de turno poña remendos cada dous por tres nas depuradoras, cun gasto económico importante, mais sen os resultados desexables”

Compre lembrar, engade, “que temos a triste honra de contar con praias do concello como non aptas para o baño. Estorde, Lires e A Concha son, ou foron ano tras ano, puntos negros nas listaxes do Sergas, e temos que reverter esa situación”.

Dende o BNG din que levan tempo advertindo da non existencia dun plan correcto de mantemento do saneamento, da ausencia de analíticas periódicas suficientes para o control dos verquidos e das augas que recepcionan, da falta de control dos caudais de entrada e saída, da inexistencia de sistemas de desinfeción das augas no tratamento final, e da “mala ou nula planificación da separación de augas pluviais e fecais nos núcleos afectados”.

Solicitan tamén ao goberno local que xestione con Augas de Galiza a autorización de verquidos en cada unha delas, unha ferramenta indispensable para acadar un mellor e maior control das augas verquidas aos ríos e rías. “Cremos imprescindible ter ese documento o antes posible co fin de ir dando solucións a todas e cada unha das eivas que este sinale. Non podemos estar sempre gastando cartos nas depuradoras para que non valgan para solucionar os problemas de xeito definitivo. Lévase moito tempo medicando ao paciente sen ter un diagnóstico claro, e iso non nos leva a ningunha parte”, conclúe Serxio Domínguez.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.