O Correo de A Costa da Morte

Venda de encaixes e pases de moda na Mostra Virtual

Do 31 de marzo ao 4 de abril os participantes ofrecerán a través das redes os seus produtos // Publicaranse vídeos dos desfiles

  • 23 ene 2021 / 12:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Concello de Camariñas organizará a segunda edición virtual da Mostra do Encaixe Deputación da Coruña, que presenta novidades con respecto ao ano pasado e nesta ocasión cambiará o seu funcionamento para centrarse na comercialización do encaixe e na publicación de desfiles das diferentes pasarelas.

O obxectivo deste evento “é o de comercializar o encaixe e fomentar a labor que fan anualmente os comercios locais neste eido”, sinalan dende o Concello. Por iso, do 31 de marzo ao 4 de abril, os postos participantes ofrecerán a través do Facebook e do Instagram da Mostra do Encaixe unha serie de produtos con puntillas que contarán con ofertas especiais nesas datas.

Por outra banda, cada colección participante elaborará un vídeo coa finalidade de mostrar os seus deseños coa aplicación de encaixe. O que non cambia con respecto ao ano pasado é a plataforma de emisión; a Mostra Virtual difundirase a través da páxina de Facebook (@MostradoEncaixe), do Instagram (@Mostraencaixecamarinas) e tamén da canle de Youtube (@Mostradoencaixe).

Outra das novidades que se presentan nesta segunda edición son as datas. Haberá Mostra Virtual en Semana Santa, xa que do 31 de marzo ao 4 de abril serán os participantes no certame de Xoves Deseñadores os que difundan as súas novidosas creacións.

Xa no mes de setembro, e coa intención de funcionar como antesala da XXX Mostra do Encaixe que se celebrará en outubro, publicaranse os vídeos dos Grandes Deseñadores e do Artencaixe.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, agradeceu “o esforzo do departamento da Mostra por idear, outro ano máis, o xeito de que non tivésemos unha Semana Santa sen encaixe e así seguro que se fará máis curta a espera ata o mes de outubro”.

TRADICIÓN. Pola súa parte, a concelleira delegada para a Mostra, Encarna Liñeiro, destacou a importancia de “manter viva a tradición, xa que en todo o país e sobre todo en Galicia a Semana Santa sempre se relaciona coa Mostra do Encaixe e non podemos perder ese sentimento”.

Por último, a directora da mencionada feira, Dolores Lema, quixo destacar que “tal e como está deseñado este evento virtual, permitirá comercializar e promocionar o encaixe, un elemento fundamental na economía familiar da nosa comarca”.

CONTEXTO COVID. A Mostra do Encaixe Virtual naceu en 2020 como alternativa ante a suspensión da trinta edición do evento físico debido ao contexto sanitario xerado pola expansión da COVID.

Dende a organización involucraron a todos os colectivos implicados no funcionamento habitual do evento. Elaboraron unha programación por bloques, seguindo unha estrutura similar á que podería ter o calendario habitual do evento, e que incluía franxas específicas para Grandes Deseñadores, Xoves Deseñadores, Artencaixe, Pequencaixe, Xuntanzas Palilleiras, Delegacións Internacionais, Empresas, Artistas, Voluntarios, Stands e Medios de Comunicación.

O departamento da Mostra do Encaixe pediulles a todos estes colectivos que enviasen os seus vídeos presentándose e transmitindo ánimo e forzas para volver a reencontrarse e afrontar aínda con máis gañas a trinta edición do emblemático evento.

Os datos desa primeira edición virtual “foron espectaculares”, segundo resaltan dende o Concello camariñán. Así, as actividades desenvolvidas acadaron unha audiencia de 237.962 usuarios que visualizaron desde os seus fogares os cento setenta e cinco vídeos que se sucederon desde o mércores ata o domingo da Semana Santa de 2020.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.