O Correo de A Costa da Morte

Vimianzo acolle a presentación do proxecto Costa da Morte Destino StarLight

  • 16 nov 2021 / 10:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) presentará o venres, día 19, na Casa da Cultura de Vimianzo o proxecto Costa da Morte Destino StarLight. Será nunha xornada técnica, de 17.30 a 19.00 horas, á que están convocados os representantes dos concellos, os actores do sector turístico e a poboación local interesada nesta nova iniciativa.

A presidenta da CMAT e alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez Ordóñez, asegura que queren facer partícipes deste proxecto a todos os concellos do territorio, aos representantes das iniciativas turísticas que traballan e apostan pola Costa da Morte “e a todos os nosos veciños e veciñas”. O éxito da iniciativa, engade, “require da implicación conxunta dos sectores público e privado”

O baiés Jorge Mira Pérez, catedrático do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, presentará os obxectivos e o programa do encontro, que iniciará Ana Teresa Cimas Hernando, xefa da Área Provincial Turismo de Galicia, quen falará dos Destinos StarLight na nosa Comunidade.

Posteriormente será a quenda da directora xerente da Fundación Starlight, Antonia M. Varela Pérez, quen disertará sobre Qué es un Destino Turístico Starlight: objetivos y oportunidades. Ana Ulla Miguel, profesora de Astronomía e Astrofisica da Universidade de Vigo, abordará o Procedemento e avaliación da acreditación como destino Starlight. A última intervención correrá a cargo de Salvador Bará Viñas, profesor de Óptica da Universidade de Santiago, que explicará Porque paga a pena reducir a contaminación luminosa?

Pechará a xornada técnica Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña. Ao finalizar haberá un espazo para que os asistentes poidan facer networking, consultar dúbidas e dialogar cos ponentes e coa xunta directiva da CMAT.

Os interesados en participar deberán solicitar praza e inscribirse antes do mércores, ás 14.00 horas, a través do correo electrónico admincmat@visitacostadamorte.com.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.