O Correo de A Costa da Morte

Xuntanza sen acordos entre responsables da Xunta de Galicia e o comité de Xeal

Os traballadores saíron de novo ás rúas de Santiago e din que non se atenderon as súas demandas // Din que a Administración alega "descoñecemento da situación"

  • 14 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Cee. Coincidindo coa nova manifestación dos traballadores de Xeal en Santiago, este xoves, os secretarios xerais de Industria, Traballo e Infraestruturas reunírone cunha representación do comité de empresa. Unha xuntanza na que, segundo os portavoces dos empregados, non obtiveron resposta algunha as súas demandas, porque a Administración asegura “descoñecer a situación”, sinalan.

“Saímos totalmente defraudados”, asegura o presidente do comité, Alfonso Mouzo. “Non atenderon as nosas peticións, que eran moi sinxelas: hai un proxecto de estación de bombeo no monte da Ruña, en Mazaricos, que é unha nova central que pretende montar a nosa empresa e nós dicimos que non se lle pode dar unha concesión máis cando están incumprindo as actuais”, explicaba.

O máis grave, engadiu, é que “a Xuntan on ten constancia, nin coñecemento de que se estean a incumprir as concesións”. Unha resposta que anoxou ao conxunto do persoal e diante da que Mouzo respondeu que “se non teñen constancia, que veñan á Costa da Morte e miren se están os fornos en marcha; que miren o emprego que había en 2019 e o que hai agora. É tan sinxelo como iso”.

O presidente do comité lembrou ademais que levan tempo mobilizándose e denunciando que “os fornos están parados, a actividade industrial vai a menos e desde que chegou a nova empresa perdéronse 30 empregos fixos e 80 eventuais. Só hai un forno en marcha de 5 e a fábrica de Cee está parada”.

Por iso reiterou a demanda de que se abra expediente á empresa porque “non pode ser que este fondo voitre americano que leva os cartos caídos do ceo do aproveitamento dos nosos recursos naturais, veña aquí a lucrarse e a Xunta, tendo competencias plenas tanto en Augas como en Industria, siga mirando para outro lado e mentres, a empresa, sentíndose impune pola inoperancia e ineptitude da propia Administración”.

Demanda dun novo convenio colectivo

O presidente do comité reclamou ademais a negociación do convenio colectivo, que decaeu a principios deste ano por non ter ultraactividade por mor da reforma laboral e se lles está a aplicar o convenio de siderometalúrxica. Isto xunto coa demanda dun plan industrial co que se garanta o mantemento da actividade industrial e do cadro de persoal.

Diante desta situación, Alfonso Mouzo asegurou que continuarán as mobilizacións como cada xoves desde diante da Xunta cara Augas de Galiza e o xoves seguinte na fábrica en Cee. O comité ten ademais convocada unha folga de 24 horas para o 17 de novembro e “non imos parar até que se atendan as nosas reivindicacións, que cremos que son de total xustiza”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.