O Correo de Arousa

Finaliza o soño copeiro do Ribadumia

Os de Luís Carro non lle perderon a cara ao partido en ningún momento, a pesares dos dous tantos gaditanos, e mesmo mereceron o gol da honra.

  • 17 dic 2020 / 19:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Non puido ser. O Ribadumia non puido interpretar o papel de David ante o ferido Goliat gaditano –tras a dura derrota sofrida en Vigo– que rematou co soño copeiro do ‘River’ ao facerse coa vitoria por 0-2 no encontro disputado nun campo da Senra, que afortunadamente contou coa presenza de 300 seareiros ribadumienses que cumpliron escrupulosamente coas medidas sanitarias de seguridade (máscara e distanciamento social) e puideron seguir de preto o partido máis importante da historia do seu club.

O equipo adestrado por Luís Carro entregou a iniciativa do balón na primeira parte ao Cádiz, e agardou ben replegado algunha opción á contra. Tívoa no minuto 16’, tras unha recuperación sobre a medular que acabou nos pés de Monchito no extremo esquerdo. O seu centrou chegou, tras un rexeitamento, a Fran Fandiño cuxo disparo saiu por enriba do arco de David Gil. O Cádiz, a pesares da elevada porcentaxe de posesión colleitada, non conseguiu alterar o marcador ata o minuto 33’, e fíxoo a través dunha acción a balón parado. Tras unha falta de Óscar Iglesias a Filip Malbasic –pola que o centrocampista arousán viu o cartón amarelo–, Salvi Sánchez centrou cara o segundo pau onde Juan Cala serviu en bandexa o gol para a cabeza de Jon Ander Garrido ante a febleza defensiva dos arousáns.

Co 0-1 chegou o descanso na Senra un resultado que permitía todavía soñar ao ‘River’ con darlle a volta á eliminatoria no segundo periodo. Unha tarefa quimérica que adquiriu tintes de estoicidade cando no minuto 47’, tras un penalti infantil cometido por Monchito sobre Carlos Akapo, emerxeu a figura da veterano cancerbeiro Roberto Pazos, que detivo en dous tempos a pena máxima efectuada por Filip Malbasic.

A acción animou ofensivamente ao Ribadumia que a punto estivo de igualar o resultado por medio de Cheri –o mellor dos arousáns–, cunha volea tras o rexeitamento dun córner que a punto estivo de perforar as mallas gaditanas. Contrariamente, no ataque inmediatamente posterior do equipo de Álvaro Cervera, Filip Malbasic conseguiu resarcirse do seu erro no penalti colando o balón entre as pernas de Pazos tras un rápido contraataque, no minuto 52’.

O segundo tanto gaditano non desanimou ao ‘River’, que comezou a mover o seu banco dando entrada a Brais e Óscar Martinez por Cheri e Monchito e posteriormente a Diego Abal e David Giráldez por Óscar Iglesias e Santi Padín, que aportaron frescura ao conxunto arousán e non lle perderon a cara en ningún momento ao partido. De feito, neste derradeiro tramo do partido, dominado polo equipo local, os de Luís Carro tiveron dúas ocasións clarísimas que puideron cambiar o rumbo do enfrontamento. Ambas nas botas do brasileiro Charles que en sendos mans a mans ante David Gil, nos minutos 68’ e 82’, non logrou anotar, cando menos un tanto que houbera feito xustiza ao partido visto na Senra.

Así rematou a aventura copeira do Ribadumia, da que ben orgullosos se poden sentir os xogadores e corpo técnico que conseguiron chegar na competición do KO a un escenario no que nunca antes se vira o seu club, coa visita dun Primeira ao humilde estadio do val do Umia. Así llo fixeron saber os seareiros que despediron con vítores e aplausos a un plantel que fixo soñar durante semanas ao humilde concello. Nas bancadas da Senra puidéronse ver caras coñecidas como a do secretario xeral para o deporte da Xunta, Jose Ramón Lete, ou ao presidente da Federación Galega de Fútbol e ilustre ribadumiense Rafael Louzán que non quixeron perderse este histórico partido.

FICHA TÉCNICA:

C.D RIBADUMIA: Roberto Pazos, Carlos Pérez, Miguel Vázquez, Javi Domingo, Santi Padín (David Giráldez, 64’) , Cheri (Óscar Martínez, 56’), Óscar Iglesias (Diego Abal, 64’), Monchito (Brais, 56’), Fran Fandiño (Dieguito, 70’), Charles e Hugo Soto.

CÁDIZ C.F: David Gil, Marc Baró, Juan Cala, Pedro Alcalá, Carlos Akapo, Jorge Pombo (Jairo Izquierdo, 75’), Jon Ander Garrido, Filip Malbasic (Álvaro Giménez, 89’), Yann Bodiger (Jens Jonsson, 42’), Salvi Sánchez e Choco Lozano (Nano Mesa, 75’)

Goles: Jon Ander Garrido (32’) e Filip Malbasic (52’)

Cartóns amarelos: Óscar Iglesias (32’), Santi Padín (54’), Javi Domingo (59’) e Óscar Martínez (81’), todos eles xogadores do River.

Árbitro: Pablo González Fuertes.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.