O Correo de Arousa

O Salnés non da rebaixado a curva da segunda vaga epidémica

Preocupan especialmente os concellos do Grove, Sanxenxo e A Illa que presentan os picos máis elevados de incidencia acumulada

  • 14 dic 2020 / 19:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Tras varias semanas con restricións na bisbarra, as medidas aplicadas polo departamento autonómico de saúde co obxectivo de conter a segunda vaga epidémica no Salnés semellan aínda non ter acabado de surtir o efecto desexado. Unha afirmación xustificada polo dato da incidencia acumulada (IA) durante as últimas dúas semanas que mostra como en tres concellos arousáns –O Grove, Sanxenxo e A Illa– esta é superior aos 250 novos contaxios por cada 100.000 habitantes.

O paradigma desta mala evolución dos datos atopámolo no Grove, onde dende o pasado xoves Sanidade rexistrou 49 novos positivos nos últimos 14 días, elevando os casos activos até os 54, o que debuxa unha IA de 460 por cada 100.000 habitantes. Unha situación catalogada como “crítica” dende o Goberno local e que se está cebando cos principais sectores económicos da península, e é que á difícil situación que atravesa a hostalaría nun concello eminentemente turístico tras un verán ao ralentí e , hai que engadir os problemas aos que se enfronta agora parte da súa flota pesqueira, con varias embarcacións amarradas tras detectarse positivos nas súas tripulacións.

Sanxenxo, que comparte peche perimetral e nivel máximo de restricións coa península meca, rexistrou nas últimas dúas semanas 50 novos positivos, a pesares de ter aliviado en cinco casos este cómputo durante a xornada de hoxe, . A Illa de Arousa completa esta terna, coa incidencia acumulada máis elevada do Salnés, concretamente 650 novos positivos por cada 100.000 habitantes durante as pasadas dúas semanas, contabilizando durante a xornada de onte 17 casos activos. A diferencia dos anteriores concellos citados, Sanidade mantén polo momento á Illa no nivel básico de restricións a pesares do incremento da incidencia epidémica no concello.

No nivel máximo de restricións atópase tamén Cambados, a pesares de teren mellorado as cifras no concello cunha IA inferior aos 250 novos positivos por cada 100.000 habitantes nos últimos 15 días, e é que compre lembrar que a vila do Albariño comezou o mes con 58 casos activos fronte aos 38 rexistrados no día de hoxe. Esta notable melloría facían pensar a alcaldesa Fátima Abal que de continuar a tendencia as restricións poderíanse aliviar ao nivel medio-alto, non obstante o departamento autonómico de saúde decidiu non realizar cambios neste punto.

Quen pasou esta semana ao nivel medio-alto foi a capital comarcal, Vilagarcía de Arousa, que conta con 107 casos activos. Alí os servizos de restauración aumentaron dende o venres o seu aforamento ao 50% nas terrazas e ao 30% no interior, aínda que continúa o peche perimetral, aínda que neste caso, ao igual que Cambados, de xeito individual ao quedar no nivel básico Vilanova de Arousa.

A améndoa de Meis, Meaño e Ribadumia continúa do mesmo xeito no nivel medio alto, permitíndose só a mobilidade entre ambos os tres concellos.,

Tema marcado como favorito