O Correo de Arousa

Que os malos tempos non rouben o sempre necesario entusiasmo

O parón da hostalaría en 60 vilas galegas obrigou a Marcos Otero, cociñeiro meco, a adiar a apertura da súa nova tapería no Grove tendo que combater a incertidume pola situación sanitaria e a ilusión por un novo proxecto

  • 11 nov 2020 / 14:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Decorría a década dos oitenta, cando o grupo vigués Golpes Bajos, liderados por Germán Coppini versionaron “Malos tiempos para la lírica”, poema escrito por Bertolt Brecht durante o ascenso nazi ao poder en Alemaña que a banda galega convertiu nun dos himnos da “movida viguesa”.

Cun contexto infinitamente diferente ao do ascenso nazi que motivou a Brecht a escribir aquelas letras, o horror volveu a presentarse ante nós durante o primeiro trimestre do 2020, en forma de pandemia mundial. Unha situación catastrófica a nivel sanitario e cuxas consecuencias económicas –a maioría de expertos coinciden en que– nos acompañarán durante unha longa tempada, pero que sen dúbida, non nos poden levar a perder o “entusiasmo por el manzano en flor”, do que falaba o dramaturgo alemán.

En entusiasmo, quen non se queda curto é Marcos Otero, un cociñeiro meco que se atopa inmerso na apertura do seu primeiro establecemento hostaleiro, adiado por mor das novas restricións sanitarias impostas pola Xunta na vila do Grove. Un proxecto gastronómico en forma de tapería, “Afuego”, na que Otero pretende combinar unha cociña fusión baseada na importancia da materia prima cun decidido apoio á cultura local, ao ofrecer as súas instalacións para a realización de exposicións artísticas e pretender contar ocasionalmente con actuacións musicais en vivo.

Un enfoque cultural que ven inevitablemente marcado pola historia do local, que noutra época foi sede do Cine Besada, unha historia que foi tamén factor determinante na elección de Otero. Despois de moitos anos traballando por conta allea, non foran poucas as persoas do seu círculo que lle dixeran que tiña que montar algo propio, unha suxestión á que el sempre contestaba “que para montar algo por min ten que ser un local que me chame a atención, que teña un encanto, e este local teno”, explica.

Nun rutinario paseo do pasado verán indo a mercar o pan, Otero enterouse de que o local se traspasaba e “dixen se non o fago agora non o fago máis e chamei, as condicións parecéronme moi adecuadas para o local que é, e xa foi empezar a tramitar todo para intentar poñer a funcionar o local”, relata coa ilusión de quen inicia o seu primeiro proxecto de seu, e ademais na súa vila.

Marcos tiña a apertura prevista para o pasado fin de semana, non obstante o peche do sector hostaleiro da vila decretado pola Xunta en vistas do crecemento dos casos activos de covid, imposibilitouno.

“Nós queríamos abrir a pasada fin de semana para ir arrancando e ir poñendo a punto pouco a pouco o local, o que necesita, o que non... non entrar xa directamente nunha época forte á hora de traballar. Tampouco tiñamos máis presas por abrir, ou era esa fin de semana ou era a seguinte, ao non poder facer unha inauguración”. Non obstante, ve agora como ese desexado inicio terá que esperar cando menos un mes, dando pé ás inevitables “comeduras de cabeza” provocadas a inmensa incertidume xeral do momento.

Non obstante, as inesperadas mensaxes de apoio recibidas por parte de veciños que lle mostraban as súas ganas de visitar o novo local, “sorprenderono” e animárono “nestes tempos difíciles, nos que non nos podemos achicar”. Unhas mensaxes que a vistas de Otero demostran que, a pesares dos cambios que xa ten provocado a pandemia e a inevitable preocupación pola situación sanitaria, “a xente ten ganas de ganas de saír aínda que a situación non é a mellor para a hostalaría, sobre todo polo tema do toque de queda”, explica.

CAL SERÁ A OFERTA GASTRONÓMICA? A carta que ofrecerá Afuego tras a súa apertura baséase en dous piares: o respeto polo materia prima apostando sempre pola proximidade e o produto de tempada, e por outra banda a cociña fusión. Unha fórmula na que Otero enmarca a outros restaurantes da vila como Meloxeira, Sal de Allo ou Misturas e que lle serviron de inspiración xa que “tamén fan ese tipo de cociña fusión, dándolle a súa interpretación a ese prato de cociña asiática ou mexicana con produto daquí”. En definitiva, “pratos sabrosos, pero cun toque diferente, dándolle unha voltiña ao tradicional”, resume Otero.

Un destes platos que poden servir para exemplificar a oferta de Afuego é a “desconstrución da empanada milla de sardiñas”. “Unhas sardiñas empanadas en fariña de millo sobre unha salsiña de tomate e cebola”, que fai ás veces de zaragallada.

PARÓN OBRIGADO. O cociñeiro meco afronta con resignación, mais sen perder ese tan necesario entusiasmo do que nos falaba Brecht, o obrigado adiamento do inicio do seu novo proxecto. Otero non se permite un respiro, e empregara este impasse para “traballar arreo no local, poñendo todo a punto e para probar novos pratos para a carta pensando sobre todo no tema de almacenaxe e distribución na cociña”. O que si agarda Otero é que unha vez Afuego poida abrir as súas portas –previsiblemente de cara á ponte da Inmaculada Concepción no primeiro fin de semana de decembro– cese a restrición da mobilidade nocturna –o tan mencionado toque de queda– que califica como unhas das medidas máis lesivas para o sector hostaleiro.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.