O Correo de Arousa

Reparación provisional do parque Miguel Hernández en Vilagarcía

Comezan os traballos no firme para mellorar a accesibilidade mentres se completa a tramitación dun ambicioso proxecto que contempla unha renovación total e que se executará no próximo ano

  • 19 oct 2020 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Concello de Vilagarcía substituirá toda a pavimentación do Parque Miguel Hernández. A obra levarase a cabo o vindeiro ano e financiarase con cargo ao superávit orzamentario de 2019. A actuación require certa premura dado o mal estado no que se atopa a maior parte da superficie enlousada, con partes levantadas e lousas rotas que dificultan o paseo das persoas e provocan risco de caídas ou tropezóns. Para evitar isto último e mentres non se completan os trámites para executar o proxecto, o servizo de Obras realizará un arranxo provisional das zonas máis afectadas.

O firme dos corredores e das prazas do Parque Miguel Hernández presenta un estado deficitario dende hai anos debido ao levantamento e rotura das lousas que o conforman, un problema que xurdiu aos poucos anos de terse inaugurada a zona de esparexemento e que, a pesares dos arranxos puntuais realizados, segue avanzando dadas as características do material base utilizado na súa construción no ano 2000: lousas de pizarra que escaman, rompen e levántanse con moita facilidade.

A posibilidade de arranxar as zonas máis afectadas desestimouse por dúas razóns: a primeira porque si se quere manter a uniformidade estética habería que utilizar os mesmos materiais, polo que a curto prazo, os problemas regresarían e habería que volver a investir en arranxos. E a segunda, porque é tal a superficie afectada, que a opción máis rendible a longo prazo é actuar en todo o parque e aproveitar para cambiar o actual firme por outro realizado con materiais máis resistentes e que precisen de menor mantemento.

Trátase dunha actuación ambiciosa que precisará dun elevado presuposto pero que porá fin á problemática que esta importante zona verde de esparexemento e recreo dos vilagarciáns sofre dende hai uns quince anos.

Para garantir a seguridade dos peóns, operarios do departamento de Obras comezarán esta mesma semana a arranxar as zonas en mal estado, retirado as lousas rotas e cubrindo os ocos con formigón para nivelar o firme. Trátase, como xa se dixo, dunha solución provisional mentres non se completan os trámites administrativos relativos ao superávit e se licite o proxecto que xa se comezou a redactar.

Tema marcado como favorito