O Correo de Arousa

Sanxenxo reabrirá as súas casas da cultura con estritas normas de seguridade

O Concello farase cargo de limpezas diarias de luns a venres // Haberá que facer reserva para acudir ás instalacións

  • 16 sep 2020 / 16:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Concellería de Cultura que lidera Paz Lago vén de ultimar o protocolo que marcará a reapertura das casas da cultura municipais no que se recollen as medidas de prevención necesarias fronte á covid 19 para retomar a actividade de forma segura nestas instalacións. Os colectivos culturais ou asociacións que desexen utilizar estes espazos deberán facelo previa reserva e seguindo o plan previamente acordado co Goberno local, neste caso co departamente cultural. “Somos conscientes que debemos responder á demanda dos colectivos. O Concello asume unha limpeza diaria, pero é precisa a colaboración e a implicación de todos”, indicou a concelleira Paz Lago.

O Concello farase cargo dunha limpeza diaria de luns a venres das instalacións da Casa de Cultura de Dorrón, o Pazo de Emilia Pardo Bazán, a Casa de Cultura de Adina así como os edificios de usos múltiples de Portonovo e Vilalonga. Mentres que a limpeza nas casas de cultura das parroquias rurais de Bordóns e Nantes realizarase en función da demanda. Cada un dos centros contará en cada espazo dun produto de desinfección para que cada colectivo ou usuarios realice a desinfección antes e despois de cada uso para garantir a limpeza.

Os usuarios deben comprometerse ademais a ventilar regularmente os espazos por un período de 15 minutos e non deixar ningún material na sala que veñan de empregar. O acceso ás instalacións estará limitado aos usuarios polo que os acompañantes deben esperar fóra. A entidade ou colectivo solicitante do espazo debe comprometerse a manter a distancia de seguridade, o uso de máscara, a hixienización con xel hidroalcohólico e o control de aforo (recoméndase un máximo de dez persoas). Deberán contar tamén cun rexistro de usuarios por cada actividade e unha declaración responsable de boa saúde.

A reserva do espazo deberá ir acompañada dun compromiso asinado de acatar as normas que deberá ser entregado na Concellería de Cultura.

Tema marcado como favorito