O Correo de Barbanza

A Casa da Xuventude de Ribeira abrirase ó entorno coa creación de tres prazas públicas

  • 26 ene 2023 / 13:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Casa da Xuventude de Ribeira está inmersa na remodelación máis profunda dende que esta infraestrutura foi inaugurada en novembro de 2010, coa fin de que poida gañar en funcionalidade e de mellorar a súa integración na contorna, minorando de paso o risco de actos vandálicos de que vén sendo obxecto con relativa frecuencia.

Neste senso, un dos maiores cambios que vai poder percibir a cidadanía consistirá na creación de tres pequenas prazas públicas ao redor do inmoble para desfrute dos cidadáns. Con tal motivo, vanse demoler parte dos muros perimetrais para dar acceso ás mesmas dende a vía pública: uns traballos que está previsto que inicie este venres a empresa Civis Global.

Ademais, a brigada municipal de Obras de Ribeira está traballando dende hai uns días no interior do edificio, no que unha das dúas zonas dedicada a albergue se vai reconverter nunha sala de usos múltiples (mantense o outro albergue cunha capacidade de vinte e dúas prazas) e, paralelamente, rechearase o espazo situado na parte máis profunda da Casa da Xuventude, deteriorado a causa das sucesivas inundacións cada vez que, por calquera incidencia, as bombas de achique deixaban de funcionar.

Máis alá deste conxunto de cambios estruturais, o que pretende o Concello é que a mocidade do municipio lle saque máis partido as múltiples posibilidades que ten a Casa da Xuventude. Por iso, unha vez rematen as obras, ten previsto variar os horarios de apertura adaptándoos ao tempo de lecer dos usuarios, e incorporar novas posibilidades de ocio, como xogos.

Así mesmo, nas mañás lectivas, preténdese que o alumnado do veciño colexio Galaxia poida facer uso da instalación cadrando cos recreos.

Por último, cómpre lembrar que nos últimos meses executouse unha actuación que tivo por obxecto mellorar a súa impermeabilización, ademais de sanear humidades e filtracións de auga e reparar as instalacións de electricidade e fontanería.

As mencionadas obras foron adxudicadas á empresa Marqués de Marancán.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.