O Correo de Barbanza

A licitación as obras de acondicionamento na aldea de Pousada

Mellorarán un espazo público por un importe de 80.968 € // Serán financiadas co POS+

  • 15 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Concello de Lousame vén de sacar a licitación, por procedemento aberto e ordinario, as obras de acondicionamento dun espazo público na aldea de Pousada por un importe de 80.968 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de seis meses. As empresas interesadas teñen ata as 23.00 horas do vindeiro 3 de outubro para presentaren as súas ofertas.

As obras consisten no acondicionamento dun espazo público no lugar de Pousada mediante a pavimentación dunha superficie de 1.170 metros cadrados no interior da aldea. O proxecto inclúe a instalación dunha canalización de 175 metros para a recollida de augas pluviais e da liña eléctrica existente, así como a construción dun muro de pedra granítica, de 20 metros de longo por 2 metros de alto, para a contención de terras.

Unha vez acondicionada a superficie do terreo, procederase á súa pavimentación con cinco centímetros de zahorra e doce de formigón, intercalando tres franxas de adoquín de granito.

As obras serán financiadas con cargo ao Plan Único de Concellos POS+2022 e complementarán ás realizadas a finais de 2018 polo Concello de Lousame, con fondos propios, para anchear o interior desta aldea, xa que había tramos tan estreitos que mesmo dificultaban o acceso dos vehículos de emerxencias.

Xa no 2021, o Concello de Lousame investiu 49.368 euros na mellora dos accesos á localidade de Pousada, na parroquia de Tállara, dende a estrada Portobravo-Tállara ata o punto onde se van iniciar estas novas obras. Unha actuación incluída no POS+2020 e que conlevou a construción de novas beirarrúas en formigón, que deron continuidade ás existentes na beira da citada estrada, dende a marquesiña do autobús ata o lavadoiro emprazado na entrada principal desta aldea.

Lembrar que, ademais deses 280 metros de novas beirarrúas (140 por cada sentido), colocouse unha rede de recollida de pluviais e mellorouse o firme cunha capa de rodaxe con seis centímetros de aglomerado en quente.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.