O Correo de Barbanza

A Xunta analiza con palangreiros de Ribeira e Marín a situación do acordo pesqueiro entre a UE e Mauritania

  • 03 abr 2021 / 17:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, reuniuse esta semana con representantes da asociación Orpal, que agrupa a buques palangreiros de Ribeira e Marín, para escoitar as inquedanzas desta entidade en relación ao acordo pesqueiro entre a Unión Europea e Mauritania, que afecta á súa actividade. No encontro a titular de Mar trasladoulles que a Xunta está expectante ante as negociacións dada a necesidade de acadar resultados antes da finalización da prórroga actual deste protocolo, que expira o próximo 15 de novembro, e co obxectivo de evitar que a frota vexa paralizada a súa actividade.

De feito, no mes de febreiro a conselleira do Mar trasladou nunha misiva a súa preocupación polas negociacións ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación e solicitou ao Goberno central que defenda o seu impulso para que a frota galega poida desenvolver a súa actividade en boas e rendibles condicións.

A conselleira tamén expuxo estas inquedanzas no marco do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea celebrado o 22 de febreiro ao que asistiu por videoconferencia desde Madrid acompañando ao ministro como representante das comunidades autónomas españolas en materia pesqueira. Alí puxo de manifesto o descontento da frota coa actuación da Unión Europea nas últimas roldas negociadoras ao entender que a súa actitude é pasiva e que non ten vontade de chegar a un acordo.

Outra das cuestións defendidas por Galicia, e que tamén se abordou na reunión con Orpal, é a resolución do problema derivado da consideración por parte de Mauritania do aceite de pescado como produto transformado, unha consideración que a frota galega entende arbitraria e carente de base e que xa ocasionou grandes perdas ao sector.

A sétima ronda de negociación para a renovación do acordo pesqueiro entre a UE e Mauritania produciuse hai uns días e agora as partes están pendentes de continuar as conversas para debater en detalle cuestións pendentes. Galicia defende o avance destas negociacións para evitar retrasos e co obxectivo de que a frota galega poida continuar coa súa actividade de xeito sustentable.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.