Actuacións de limpeza en tres ríos do concello de Carnota
Carnota. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de tres ríos no concello de Carnota. Estes traballos desenvólvense nos ríos Rateira, Pedrafigueira e Nóutigos, ao seu paso por distintos lugares das parroquias de San Mamede e de Santa Comba.
Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude de preto de 35 quilómetros, e as tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Deste xeito, unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-centro e nas súas zonas de acceso e protección.
Estas intervencións da Consellería que dirixe Ethel Vázquez contribuirán á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.
escolas deportivas. Por outra banda, o departamento de Deportes de Carnota vén de publicar a lista de admitidos nas escolas deportivas deste curso 2021-2022 na páxina web do Concello. m. c.