Amicos opta a uns galardóns europeos pola innovación en servizo social
Os premios otórgaos unha organización á que pertencen 140 entidades de 35 países
Ribeira. A asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos de Ribeira está nomeada aos European Social Services Awards na categoría de Innovación e Servizos Sociais polo seu proxecto Herdanza Mater. Esta iniciativa conxuga o coidado da natureza e a discapacidade, a través de actividades nas que os principais protagonistas exercen o liderado como guías ambientais.
O proxecto desenvólvese en áreas de alto valor patrimonial, como parques naturais, a través de labores de reforestación de especies autóctonas, erradicación de especies invasoras, habilitación de zonas adaptadas para flora e faunas autóctonas, ou restauración do patrimonio.
Todas as actividades fomentan o voluntariado, a sensibilización medioambiental e o cambio de rol da discapacidade intelectual, pasando de pasivo a activo e asumindo a dirección das accións.
A entrega dos premios será o vindeiro día tres de decembro en Bruxelas grazas á European Social Network, organización formada por 140 entidades públicas de 35 países relacionadas coa xestión e prestación de servizos sociais.
A votación popular estará aberta online ata o vindeiro día 19 de novembro, pero só suporá o 35 % do resultado final. O 65 % restante será decisión da puntuación do xurado que fixo a preselección.
O día da cerimonia os presentes votarán polo Premio de Excelencia nos Servizos Sociais. O gañador poderá asistir como invitado á conferencia da ESN, que se celebrará en xuño de 2022 . s. s.