Boiro redacta a ordenanza para fomentar a lingua galega
Boiro. O Concello de Boiro traballa na elaboración dunha ordenanza para o fomento da lingua galega. A concelleira de Lingua, Dores Torrado, presentou o borrador que se está a redactar e os obxectivos que se perseguen.
“O Plan Xeral de Normalización Lingüística recolle como obxectivos específicos para a administración local a xeneralización do uso do galego, así como a súa promoción e a dotación de medios para que o persoal dispoña dos coñecementos orais e escritos para comunicarse nesa lingua”, sinalou a concelleira.
A nova ordenanza someterase a exposición pública antes da súa proposta para a aprobación no pleno, e que recolle aspectos relativos á relación da propia administración coa veciñanza.
“A ordenanza recolle como lingua vehicular o galego, para achegala a todos os eidos da sociedade”, afirmou ao respecto a edil Dores Torrado durante a presentación desta iniciativa municipal.
Para a realización deste borrador levouse a cabo un traballo previo con diversas entidades e asociacións do municipio boirense, así como con outros axentes sociais e culturais para que o fomento de lingua galega por parte do Concello de Boiro se faga de forma coordinada. s. s.