O Correo de Barbanza

Carnota suma ós concursos de Entroido unha Festa Holi

No programa tampouco falta a batukada, que terá lugar o día 18 // Tamén haberá talleres, un monólogo e contacontos

  • 20 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A concellería de Cultura de Carnota deu a coñecer este xoves a programación festiva do Entroido. As actividades, que se prolongarán dende o 17 ata o 22 de febreiro, diríxense a todos os públicos pero céntranse na diversión dos máis pequenos, que volverán ser os grandes protagonistas destas datas.

Así, as iniciativas arrincarán o 17 do vindeiro mes da man do polifacético Quico Cadaval, que desembarcará en Carnota para espertar as risas do público co monólogo Fantasmas familiares. Terá lugar no salón de actos do Concello ás 21.00 horas. Entrada libre e sen necesidade de inscrición previa.

Ao día seguinte haberá unha batukada pola vila. Un grupo de persoas do municipio e arredores, ataviadas cos seus instrumentos de percusión, paseará con ritmo e sabor polos bares e as rúas de Carnota. “Comezarán pola mañá, sobre as 12.30 h, no Pindo e pouco a pouco irán visitando todas as parroquias, ata acabar arredor das 19.00 horas en Carnota”, sinalaron dende a área de Cultura.

Alí uniranse á Festa de Entroido na Praza de Carnota. Esta empezará a partir das 16.30 horas con dous obradoiros para a rapazada. E sobre as 17.30 horas dará comezo a Festa Holi. “Para isto é imprescindible que todas as persoas participantes veñan vestidas de branco coa idea de que as roupas queden cheas de cores ó final da tarde. Seguidamente daremos un paseo en familia ó redor do Concello moi especial e divertido, cun chupinazo incluído”, explicaron dende o mencionado departamento.

Xa ás 19.15 h os membros da batukada abrirán o desfile de comparsas e entroidos grupais. Destacar que nesta festa tamén haberá churros e un posto doce a prol da ANPA do colexio de Carnota.

Os actos continúan o 20 no salón de actos do Concello, que acollerá un contacontos musicado de Teatro Calavera, Animaladas na selva, para público familiar a partir dos 3 anos. E ao día seguinte, no pavillón de Lamas de Castelo, haberá xogos deportivos 3x3.

O mércores 22 as actividades chegarán ao seu fin. Será no pavillón de Carnota (11.30 h), onde non faltarán os obradoiros de maquillaxe de entroido e máscaras para a rapazada, así como xogos e música. Será nesta xornada, ás 12.45 horas, cando se celebre o concurso de disfraces individuais para a rapazada.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.