O Correo de Barbanza
Sextuplícase o orzamento da Xunta para fomentar a adquisición de vivendas nos centros antigos, entre eles os de Rianxo, Noia, Padrón, Muros e Corcubión // Compleméntase así o intenso labor en materia de rehabilitación TEXTO F. R. Garabato

Casco histórico busca inquilinos: novas axudas para mercar casas

  • 29 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

As comunidades autónomas están vendo con optimismo como a UE planifica un repunte da rehabilitación de vivendas como motor da economía dos estados, con fortes investimentos (750.000 millóns de euros para os vinte e sete estados). Dende a Xunta de Galicia a aposta nese eido é tamén firme (apoiando reformas nas 69 Áreas de Rexeneración e Renovación Urbana (ARRU, antes denominadas ARI) que hai declaradas, e vai acompañada dunha liña de axudas para a adquisición de vivendas en centros históricos.

Dende o pasado martes xa se poden solicitar as axudas da Xunta para a compra de vivenda nalgún dos doce concellos galegos da provincia da Coruña que teñen declarado un centro histórico e que, no caso do ámbito da Área Metropolitana de Santiago, son os de Corcubión, Muros, Noia, Padrón e Rianxo.

O delegado territorial da Administración autonómica na Coruña, Gonzalo Trenor, destaca que “o obxectivo principal co que se puxo en marcha este programa é contribuír a fixar poboación de forma estable nestas zonas, lugares emblemáticos e cunha grande riqueza patrimonial e arquitectónica”.

Segundo a resolución publicada no DOG, as persoas interesadas poden solicitar estas axudas ata o vindeiro 1 de setembro. Trátase da terceira convocatoria deste programa, que para 2021 contará cun orzamento de 600.000 euros, case seis veces máis que a dotación coa que saíu convocada o ano pasado.

Entre as principais novidades desta terceira convocatoria destaca que se elimina o requisito de ser menor de 35 anos para poder optar ás axudas, de tal xeito que se estende a consideración de potencial beneficiario ao conxunto dos galegos, co fin de favorecer o asentamento de poboación nos conxuntos históricos.

A contía das axudas elévase ata os 15.000 € nas tres áreas Rexurbe declaradas en Galicia, como é o caso da Coruña, onde estas axudas son de maior contía. Nos demais casos, o importe da subvención variará en función da idade do solicitante, de forma que se a vivenda foi adquirida por unha persoa maior de 35 anos, o importe máximo a percibir será de 10.800 €, unha contía que se ampliará ata os 12.800 cando os solicitantes sexan menores de 35.

A outra gran novidade refírese aos requisitos económicos de acceso, medida coa que se busca tamén ampliar o abano de potenciais beneficiarios. Neste sentido, o límite de ingresos dos solicitantes elévase ata 6,5 veces o IPREM (48.877,33 euros), o que correspondería a case o 90 % dos fogares galegos, co fin de adecuarse aos prezos actuais do mercado inmobiliario e, máis concretamente, á realidade do custo da vivenda nos centros históricos.

Esta nova convocatoria foi moi ben recibida polos alcaldes dos cinco concellos da Área de Santiago con centros históricos, nos que nos últimos anos se teñen levado a cabo numerosas actuacións en materia de rehabilitación de vivendas.

O rexedor de Padrón, Antonio Fernández Angueira, destaca que para esta localidade hai tamén subvencións para rehabilitacións no Camiño de Santiago. Padrón vén de aprobar a undécima fase das axudas para a ARRU. Nas dez fases xa executadas, o importe das 171 actuacións foi de 1.156.622 €, dos cales 527.263 € foron subvencionados.

Rianxo vai xa pola oitava fase nos núcleos de Rianxo, Fincheira e Rianxiño, onde se executaron xa 160 obras de rehabilitación (case o 20 %, unha quinta parte, da área delimitada, que, por certo, se quere ampliar).

O alcalde, Adolfo Muíños, ve “positiva toda iniciativa encamiñada a ofrecer posibilidades de mellora dos cascos antigos e buscar novos veciños”, en relación ó apoio da Xunta para a adquisición de vivendas.

O alcalde de Corcubión, Manuel Ínsua, tamén as valora positivamente, destacando a eliminación do requisito de ser menor de 35 anos, “pois hoxe non é fácil que nesas idades a xente poida adquirir unha vivenda, e así facilítase o acceso a todos os propietarios e tamén acadar o obxectivo de recuperar as nosas vilas”. “O casco histórico corcubionés está declarado como ARRU, polo que se ofrecen tamén axudas para restaurar inmobles grazas a un convenio entre o Goberno central e a Xunta, e a verdade é que hai moita demanda”, afirma. O ano pasado acometéronse tres actuacións de rehabilitación integral, “e este ano coidamos que serán outras tres”, afirmou o rexedor, quen sinala que “ogallá nos desen máis cartos”. A maiores, nos últimos anos tamén se acometeron “moitas reparacións de inmobles”, engade Manuel Ínsua.

O seu homólogo de Noia, Santiago Freire, sinala que “é unha medida moi acertada, pois fomenta a adquisición e rehabilitación de vivenda para asentar poboación e novos establecementos nos cascos históricos, e mellora tamén o aspecto estético. Animo a quenes poidan ter interese en adquirilas a dar o paso e aproveitar as axudas. Nos últimos anos vimos participando na liña de achegas do IGVS, e nas distintas convocatorias fóronse distribuíndo cantidades que podían chegar ata os 17.000 euros, e fixéronse unhas 20 actuacións integrais ou parciais”.

a protagonista
“Son apoios para fixar a poboación”
Inés Monteagudo Alcaldesa de Muros

A alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, cree que as axudas da Xunta para adquirir vivendas nos cascos históricos “son moi interesantes para dinamizar o asentamento da poboación neses entornos, porque a rehabilitación sempre é máis custosa e traballosa que a adquisición dunha vivenda nova. Se queremos manter estas zonas con vida hai que incentivar que a xente se poida instalar nesas casas”. “Nós queremos reactivar as achegas da ARRU en Muros, que complementarían esa liña de subvencións e permitirían mellorar as condicións de habitabilidade nas vivendas da zona antiga da vila muradá. Estamos niso, porque levan tempo paradas”, indicou.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.