O Correo de Barbanza
Benefícianse desta actividade as praias de Outes, Carballo, Porto do Son, Muros e Malpica // A recollida de lixo arrancou o venres e seguirá ata mañá // Participan unha vintena de entidades, entre concellos, escolas ou particulares TEXTO Alba Prada

Centos de voluntarios limpan areais galegos da man de Adega

  • 17 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Mares, océanos, en definitiva o planeta, e como non, os máis esquecidos, os animais, están a sufrir a irresponsabilidade do ser humano. Aínda que asuste recoñecelo somos os causantes de toda a contaminación que invade cada rincón do mundo. E é que o resto de especies adáptanse á natureza, pero nós non: facemos uso da nosa intelixencia para acomodar o mundo a nós. O noso benestar, e por suposto, lucrarnos economicamente, son as nosas prioridades. A maioría non se detén nin un só momento a pensar se a súa actividade diaria está a afectar ao planeta e a todos os que o habitan. Nin a pandemia que estamos a sufrir logrou abrir a mente dos que viven na cómoda ignorancia.

Por fortuna, aínda que unha minoría, as persoas concienciadas co medio ambiente van crecendo. Son de feito os máis novos os que soen ser máis conscientes desta realidade e adoptan hábitos que axudan a frear o deteriorio da natureza e dos animais (cada vez son máis os que abrazan un estilo de vida vegano, os que evitan usar plásticos ou os que reciclan a diario). Tamén crecen as asociacións medioambientais e os voluntarios, que non dubidan en apuntarse a cada acción.

Precisamente dende onte, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) está a limpar o lixo acumulado nos areais da nosa comunidade. Participan máis de vinte entidades, entre as que se atopan centros de ensino, asociacións ecoloxistas, culturais, do mar, concellos, escolas de surf e particulares. É o noveno ano que se realiza, e nesta edición súmanse os concellos de Ponteareas, Nigrán, A Guarda, A Coruña, Carballo e O Grove. Os areais de Área de Compostela que se van beneficiar desta acción son o de Outes, a praia Baldaio de Carballo, Aguieira en Porto do Son, Louro en Muros e Beo, en Malpica de Bergantiños. Dende Adega animan a axudar nesta actividade voluntaria, que xa arrancou onte e que seguirá desenvolvéndose hoxe e mañá.

“O lixo mariño é un dos graves problemas ambientais aos que se enfronta o planeta; as principais causas son: a insostibilidade dos modelos de consumo e produción da nosa sociedade, a mala xestión dos nosos residuos e a falta de sensibilización da poboación”, sinalan dende Adega.

Todo isto, insiste a asociación ecoloxista, “fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos”. Unha parte, explican, procede dos ríos, pero unha gran maioría dos desperdicios son causados “pola industria do mar”. E é aquí onde debemos deternos e pensar nos milleiros de peixes que morren a causa dos plásticos que abarrotan os océanos (sen entrar nas especies mariñas que falecen cada día pola pesca de arrastre).

Dende Adega lembran que a finalidade desta iniciativa “non é deixar as praias sen ningún residuo, senón visibilizar o impacto ambiental que a actual cultura de consumo de usar e tirar xera nos nosos areais”, recalcan dende esta entidade sen ánimo de lucro. Fan fincapé asemade na importancia de realizar estas limpezas de xeito manual, xa que “é a única maneira de facer unha limpeza ecolóxica na que se preserve a flora e fauna que está na contorna”, tendo especial coidado coa biodiversidade dos ecosistemas dunares.

“Avogamos por este tipo de limpeza fronte ao uso recorrente de maquinaria pesada, pouco respectuoso co medio ambiente, para eliminar lixo das praias”, sentencian. Dende aquí animamos a formar parte desta acción e, sobre todo, a ser coidadosos co mundo que habitamos porque non hai segunda oportunidade.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.