O Correo de Barbanza

Editan un libro escolar con cantigas e partituras de temas rianxeiros

Inclúe prosas de Reis, cantos dos maios e cancións emblemáticas como ‘O paxaro pinto’

  • 04 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Rianxo. O CEP Brea Segade de Taragoña e o Concello de Rianxo realizaron un libro titulado Cancioneiro escolar urxente de Rianxo, unha obra que nace coa vontade de recuperar o patrimonio cultural, musical e lingüístico da vila, xa que nel se recollen cantigas, partituras e historias de moitas composicións rianxeiras que, ou ben non estaban recollidas documentalmente en ningún lado, ou o acceso a estas non resultaba doado.

Prosas de Reis, cantigas de Entroido, cantos dos maios, cantigas infantís e arrolos, cancións emblemáticas como a Ondiñas da nosa ría orixinal ou O paxaro pinto, ritmos bailables, fiadas e seráns, pregarias e esconxuros ou mesmo algunha cantiga de corte social vai ser o que se atope quen decida indagar no contido desta tan interesante como necesaria obra.

O volume, coordinado polo docente e investigador musical José Luís do Pico Orjais, pretende servir á vez de guía e de ferramenta de traballo para que os diferentes axentes municipais implicados na divulgación do patrimonio musical e cultural do municipio o poidan empregar nas súas aulas e sesións.

“Profesorado de música dos centros de ensino, asociacións culturais e musicais do concello, a Escola de Música ou a aula musical da Uned Senior son algúns dos receptores desta obra, que vai resultar moi útil desde o punto de vista cultural, social e académico”, sinalan ó respecto dende a administración local.

Para a cidadanía en xeral, o volume vai estar á súa disposición a través da biblioteca municipal e das bibliotecas escolares, aínda que tamén se poderá descargar desde a páxina web do Concello.

UNIDADES DIDÁCTICAS. Os contidos do citado libro estarán ademais vinculados a outros de tipoloxía dixital que o colexio CEP Brea Segade e o Concello porán a disposición de quen os desexe empregar: unidades didácticas, actividades escolares, audios e vídeos coas interpretacións das cantigas, etcétera. Por outra banda, cabe destacar que o proxecto de edición desta obra foi impulsado conxuntamente polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Rianxo e pola comunidade escolar do CEP Brea Segade de Taragoña, que dirixe Alma Caamaño Romero. suso souto

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.