O Correo de Barbanza

González e Freire piden á Xunta a mellora da vía a Ponte Nafonso

Solicitan que se actúe na estrada AC-196 que comunica ambos concellos // Din que o estado actual supón un “serio risco”

  • 17 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Os Concellos de Outes e de Noia veñen de solicitar ao Goberno autonómico a mellora da estrada AC-196 que comunica estes dous concellos atravesando Ponte Nafonso, tanto na parroquia outense de Cando como na noiesa de Santa María de Roo.

Segundo indicaron os mandatarios das mencionadas localidades, Manuel González López e Santiago Freire Abeijón, respectivamente, esta estrada de titularidade galega “presenta un importante deterioro, o que supón un serio risco para os vehículos que discorren por esa vía así como para os viandantes”.

Pola súa parte, Manuel González considera necesario que a Axencia Galega de Infraestruturas busque unha solución para poder mellorar o firme da estrada, mediante a súa pavimentación ou asfaltado, garantindo a seguranza viaria nunha vía cun volume de tráfico importante e que dá acceso aos núcleos de poboación do lugar de Cando.

“Nesta parroquia de Outes viven máis de seiscentas persoas que empregan acotío este acceso polo que arranxalo debería ser unha prioridade” aseverou. Nesta mesma liña tamén se pronunciou Santiago Freire, en relación ao servizo que a calzada presta a unha parte do núcleo de Santa María de Roo.

Cómpre resaltar que o pasado 5 de marzo a Axencia Galega de Infraestruturas publicaba a licitación da obra para a reparación e posta en valor da ponte de Ponte Nafonso, para a cal se destinan 707.000 euros.

Dado o seu valor histórico os traballos previstos consistirán na substitución do pavimento e da varanda existente porque se atopan en mal estado. Ademais, levarase a cabo a limpeza dos paramentos exteriores da pasarela coa fin de mellorar o seu aspecto estético eliminando os elementos daniños da fachada da fábrica de pedra para mantela en bo estado de conservación.

“Esta actuación quedaría incompleta se non se mellora o tramo da AC-196 que vai entre A Ponte Nafonso e a AC-550”, apuntaron os alcaldes.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.