Homenaxean a Brea Segade con 10 poemas musicados
Rianxo. O auditorio municipal de Rianxo acollerá o vindeiro sábado día 7 a partir das 20.30 horas un concerto en homenaxe ó ilustre mestre e escritor local Xosé María Brea Segade (1904-1934) a cargo de Manuel Tubío (composicións, guitarra e voz) e Carme Tubío (violonchelo).
Consistirá na estrea de dez poemas musicados por Tubío e presentados nun pequeno formato de guitarra e voz con acompañamento de violonchelo para contribuír á recuperación e difusión da obra do ilustre poeta rianxeiro.
O núcleo do programa é unha escolma de sete poemas do propio Brea, que están precedidos por outros tres de escritores que tiveron algún tipo de vínculo co homenaxeado: Rafael Dieste, Faustino Rey Romero e Xesús Santos.
Ademais da interpretación musical, intervirán Xesús Santos e Xosé Ramón Brea con comentarios sobre a vida e obra do autor, e haberá unha proxección de fotografías do lalinense Ales Piñeiro.
A entrada é gratuíta e a reserva de localidades debe realizarse a través da web municipal. No caso de quedar localidades dispoñibles despois do proceso de reserva, poderán solicitarse na billeteira do auditorio municipal dende media hora antes de que comece o concerto. s. souto