O Correo de Barbanza

Mellorarán as instalacións do miradoiro da Muralla

Xunta e Concello acordaron acondicionar os accesos e máis crear un área de aparcadoiro

  • 12 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O miradoiro da Muralla converteuse nun reclamo para excursionistas e sendeiristas no último ano. Coñecedores diso, a Xunta e o Concello de Lousame avanzaron onte que colaborarán para realizar diferentes actuacións que virán complementar a plataforma que ofrece unha espectacular panorámica de 360 graos, unha instalación que recibiu axuda da Consellería do Medio Rural co obxecto de actuar como dinamizador do turismo na zona asociado á natureza. En concreto, está previsto acometer a mellora dos accesos e tamén habilitar un espazo de aparcadoiro.

Así o acordaron o conselleiro do Medio Rural, José González, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, nunha xuntanza de traballo por videoconferencia na que tamén participou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé.

Cómpre recordar que este miradoiro, formado por unha pasarela de madeira que termina nunha zona máis ancha de forma redondeada que dá unha sensación de estar a voar a quen o visita, está situado a unha altura de 674 m, desde onde é posible contemplar Santiago, Padrón, as illas Cíes ou a ría de Muros-Noia. A actuación cofinanciouna Agader e completouse con achegas dos concellos de Lousame e Rianxo e das comunidades veciñais e de montes da contorna.

Por outra banda, neste encontro tamén se abordaron as diferentes posibilidades que abrirá a futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en trámite parlamentario, para dinamizar e poñer en valor o agro no concello lousamiá.

José González trasladoulle a Teresa Villaverde que esta norma facilitará, “mediante ferramentas como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta, recuperar terreos en desuso ou infrautilizados, para o seu aproveitamento desde o triplo enfoque agrario, gandeiro e forestal”. Asemade, o representante do Goberno galego amosou tamén a súa disposición para explicar os contidos e alcance deste texto legal nunha visita a Lousame en primavera.

Por último, a rexedora agradeceu o ofrecemento do conselleiro e amosou interese por estas posibilidades, que se comprometeu a estudar co fin de aproveitalas para impulsar o medio rural do municipio, partindo dos recursos agrarios, gandeiros e forestais dos que dispón.

Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.