O Correo de Barbanza
A pesar do peche da hostalaría, os concellos da Área compostelá lograron depositar no contedor verde case 8.900.000 quilos, uns douscentos menos ca no 2019 // A Costa da Morte é a máis concienciada, Carballo lidera no total e Muxía nos datos por habitante // Incrementouse o número de colectores TEXTO Alba Prada-Víctor Furelos

O estado de alarma afectou á reciclaxe de vidro en 2020

  • 24 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O estilo de vida sostible e respectuoso coa natureza é xa o día a día dunha boa parte da cidadanía. Para todos aqueles que aínda non reciclen vidro con asiduidade, dende Ecovidrio (entidade sen ánimo de lucro que xestiona a recollida selectiva de residuos de envases de vidro en España) lembran que con esta simple acción conséguense reducir as emisións de CO2 e o consumo de enerxía. Foméntase asemade a economía circular, evitando así a sobreexplotación dos recursos e a extracción de materias primas da natureza, e evítase o depósito de lixos polas rúas. Esta práctica é, por suposto, fundamental para preservar o futuro deste planeta.

A reciclaxe de vidro nos concellos de Área compostelá (son un total de 58) resentiuse no cómputo total si se comparan as cifras coas do ano anterior. Se en 2019 os quilos foron 9.124.850, en 2020 baixaron ata os 8.884.980 kg (algo menos de 200). Con todo, houbo moitos municipios nos que os datos foron mellores no ano pandémico e hai que destacar as cifras positivas no tocante ao número de contedores. No 2019 o total foi de 3.596, mentres que no 2020 rexistrouse un para cada 126 habitantes (3.694). A groso modo, chama especialmente a atención a cantidade de vidro reciclado en Carballo no 2020, pois a cifra é a maior de todos os municipios da Área compostelá: un total de 646.680 kg. Iso si, hai que ter en conta que é un dos máis poboados (máis de 31.000 habitantes).

Con 521.080 quilos, Ames convértese no segundo municipio con mellores datos. A pesar de que o Concello amesán mellorou fronte a 2019, hai que considerar baixa a reciclaxe de vidro en comparación co resto de entes locais, posto que hai que ter en conta que é o máis poboado, con 32.104 habitantes. Cada veciño reciclou o pasado ano 16,23 quilos, o que o sitúa por debaixo de moitas vilas. Con 470.730 kg, Ribeira convértese no terceiro municipio cos datos máis altos do ano pasado. De feito, foi un dos que logrou mellorar os de 2019, a diferenza de Carballo, que pese a liderar o ranking, xerou menos cantidade no 2020. Outro concello do Barbanza; Boiro, destaca pola súa concienciación. Os boirenses lograron sobrepasar os 435.000 kg (é dicir, 23,05 por habitante). Os municipios do Deza continuarían liderando a listaxe. En concreto, destacan A Estrada, con máis de 425.000 kg reutilizados no ano pandémico, e Lalín, con máis de 390.000. Iso si, hai que aclarar neste punto que ambos albergan unha poboación que supera os 20.000 veciños. Xa na comarca compostelá, Teo, lidera, dado que, sempre segundo datos de Ecovidrio, os teenses acadaron a cifra de 324.000 quilogramos.

Noia é outro dos municipios do Barbanza máis concienciados, dado que o total de vidro chega case aos 275.000 quilos. É especialmente destacable o caso de Porto do Son, que a pesar de non ter unha cantidade de veciños abundante (pouco máis de 9.000 habitantes), levou ao vertedoiro verde 243.870 kg. Moi de cerca sígueo Padrón, cuns datos de 220.900 kg e unha poboación que apenas supera os oito mil. Na Costa da Morte, tralo liderezgo de Carballo, sobresaen as cifras recollidas en A Laracha (180.580 kg) e A Pobra do Caramiñal (máis de 173.000).

A situación cambia completamente se usamos como medidor a reciclaxe por habitante. E é que hai que ter en conta que no total de quilos os municipios menos poboados saen prexudicados, polo que a cantidade por cidadán é a única maneira de saber a implicación das comarcas. Neste caso, podemos deducir dos datos de Ecovidro que a Costa da Morte é a máis concienciada. Concretamente lidera Muxía, cunha cifra de 30, 25 kg por habitante, seguida de Corcubión (30,18) e Laxe (29,76). Boqueixón é o seguinte concello con mellor ratio por cidadán ao acadar a cifra de 28,96 por cada veciño e veciña.

A comarca de Santiago destaca ao tomar como punto de partida este parámetro, dado que Padrón recicla 26,40 kilos por cidadán, e Vedra 26,26 kg. É de subliñar tamén a implicación dos municipios do Barbanza, en concreto de Porto do Son (26,67) e Muros (24,89). Tamén Cuntis, neste caso pertencente á comarca de Caldas, presume de datos positivos, con 26,43 kg.

Cando se instaurou o estado de alarma en España, hai un ano, Ecovidrio, en coordinación coa Xunta e os Concellos, continuou coas operacións necesarias da cadea de reciclaxe, con ánimo de asegurar que todos os envases de vidro se aproveitasen en Galicia a pleno rendemento. A pesar de que durante o primeiro trimestre do 2020, Galicia, segundo fontes de Ecovidrio, logrou un crecemento acumulado da recollida selectiva de casi un 6 % con respecto ao ano anterior; nos meses seguintes ao estado de alarma a situación mudou. E é que hai que ter en conta que o peche da hostalaría foi clave na redución que experimentou a reciclaxe de vidro nalgunhas comarcas respecto ao 2019. Segundo a entidade, o sector da hostalaría e a restauración é o responsable do 52 % dos refugallos dos envases de vidro que se sacan ao mercado.

Das cifras aportadas pola asociación sen ánimo de lucro dedúcese que foron un total de 37 os municipios da área compostelá que reduciron os quilos de vidro levados ao contedor verde con respecto aos de 2019. A pesar da restricións da pandemia, 18 concellos lograron mellorar os datos en 2020. Chama a atención o caso de Cuntis, que repetiu o total de quilos de 2019: 123.330 kg.

Entre os municipios que subiron a cantidade total é destacable o caso de Ribeira, que acadou os 470.730 kg fronte aos 407.850 do ano anterior. Tamén Silleda (que pasou de 186.670 a 212.110 kg), Teo (de 293. 610 kg reciclados en 2019 a 324.000 en 2020), Vedra (de 100.210 a 131.520 quilos), Touro ( de 57.720 a 67.970 kg), Trazo (de 49.410 a 36.680), O Pino (de 73.000 a 85.420) ou A Pobra do Caramiñal (de 153.530 a 173.600 kg).

O caso contrario confórmano outras vilas como Zas, nas que se constata unha baixada considerable no cómputo total: en 2019 reciclábanse 85.000 quilos e no 2020 a cifra reducíase ata os 48.000. Tamén A Baña viviu un descenso considerable, ao pasar de 104.310 kg a 86.920. O resto dos concellos nos que a pandemia deixou unha redución de kilos de vidro reciclados, a baixada foi máis ben leve, o que indica que aínda que o peche da hostalaría acarreou consecuencias nos datos, a concienciación da veciñanza segue crecendo co paso do tempo.

Tamén hai que anotar como dato positivo o incremento do número de contedores nas rúas, con respecto ao 2019. E é que nun total de 37 concellos dos 58 da área santiaguesa hai máis cantidade deles. En once non variaron, e nos oito restantes percibiuse un lixeiro descenso.

Un material que podería reutilizarse sempre e sen perder as propiedades
Só hai cabida para os tarros, frascos, botellas e botellíns e non para vasos, bombillas, espellos, tapas ou tapóns

ALBA PRADA

Área de Compostela

Ecovidrio recalca a importancia que a reciclaxe de vidro supón para o planeta e agradece o compromiso que a nivel español mostran os cidadáns con esta práctica. Iso si, a boa vontade non é suficiente, posto que é preciso coñecer ben que se pode botar ao contedor verde e que non. Tal e como recalcan dende a entidade, só se deben depositar os tarros, frascos, botellas e botellíns. Non son aptos para o mesmo fiestras, espellos, vasos, bombillas, cerámica, vitrocerámica, tapas e tapóns ou envases con medicamentos. É importante saber asemade que este material se recicla ao cen por cen e que poden vivir este proceso infinitas veces sen perder en ningún momento as propiedades orixinais.

Reciclar non supón ningún esforzo para o cidadán e, en cambio, alberga infinitos beneficios: é unha forma de loitar contra o cambio climático, de evitar a sobreexplotación dos recursos e a extracción de materia prima da natureza; frea a aparición de vertedoiros incontrolados e axuda a cumprir coa Axenda 2030 e a preservar o medio ambiente.

Como curiosidade e exemplo gráfico de todo o positivo que aporta tan pequeno xesto, cabe sinalar que por cada tonelada de vidro reciclado afórrase unha enerxía equivalente a 136 litros de petróleo. A enerxía que se aforra da reciclaxe dunha botella de vidro pode iluminar unha bombilla de 100 vatios durante catro horas.

CARACTERÍSTICAS Os principais compoñentes do vidro proceden da natureza (area de sílice, carbonato de sodio e caliza). Trátase este dun material inerte, posto que non interectúa nin física nin químicamente co entorno. É ademais sostible ao estar fabricado con grandes cantidades de calcín, o que evita que se saquen materias primas do medio natural. Trátase por conseguinte dun material que se debería escoller ante outros como o plástico, fabricado a través da extracción de petróleo. Hai que lembrar que calquera alimento ou bebida envasada en plástico pode ser contaminada cos elementos químicos do mesmo, ao ser moito máis poroso. Unha botella de auga de plástico, unha vez se deteriora, empeza a desprender distintas sustancias químicas.

De calquer xeito, como xa se dixo, o vidro pode reciclarse tantas veces como se desexe sen perder nunca as características orixinais. Pola contra o plástico, dependendo do tipo, só pode someterse a este proceso de dúas a cinco veces; e vai perdendo calidade. O vidro é por conseguinte moito máis sostible e rentable economicamente. Asemade, de acabar tirado na rúa, resulta moito menos prexudicial co paso do tempo.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.