O Correo de Barbanza

O Galp recolle en ‘Unha viaxe compartida’ o traballo realizado

O documental presentarase este mércores en Muros // Haberá un coloquio sobre a eficacia no aproveitamento dos recursos

  • 20 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A casa da cultura de Muros acollerá este mércores a presentación do documental Costa Sostible: unha viaxe compartida, que recolle os anos de traballo do Galp Costa Sostible. A localización centrada do concello muradán foi básica para esta elección, xa que a citada entidade opera nun territorio que alcanza desde o municipio de Fisterra ata o de Porto do Son.

Nesta peza audiovisual son os propios promotores os que contan en primeira persoa “como foi unha relación frutífera, que deu lugar á aparición de novas empresas ou ao fortalecemento doutras xa existentes, que grazas ao financiamento dos fondos europeos que xestiona o Galp puideron abrir novas liñas de negocio ou mellorar as súas estruturas”, indicaron desde a entidade impulsora.

Segundo avanzaron, entre os protagonistas do documental atópanse membros das confrarías, do sector pesqueiro e do sector turístico, xa que a diversificación económica sempre foi unha das bases máis consistentes da filosofía do Galp. Outro tema destacado é o referente á responsabilidade social; nese eido veranse reflectidas entidades que traballan a prol do medioambiente ou da inserción laboral de persoas con algún tipo de discapacidade.

O título, Unha viaxe compartida, identifícase co funcionamento do Galp, xa que a entidade con sede central en Noia “non soamente axudou coa canle de financiamento, senón que proporcionou cursos de formación para axudar aos novos promotores no proxecto que emprenderon”.

Cursos de márketing dixital, de medios de financiamento, de xestión ou de relacións laborais foron moi aplaudidos polos usuarios, converténdose no aceno diferenciador do Galp Costa Sostible. Tras a presentación do documental, abrirase un coloquio dedicado á participación do Galp no desenvolvemento do territorio, no que participarán: Pepe Formoso, promotor do Hotel Bela Fisterra, referente de sostibilidade e presidente da Asociación Profesional do Turismo da Costa da Morte (APTCM); Montse París, representando á Asociación Cultural Muros, Auga e Sal, entidade que deu un empuxe ao patrimonio marítimo do territorio e á cultura mariñeira; Merche Díaz Mayán, secretaria da confraría de pescadores do Pindo, que analizará a repercusión que tivo o Galp sobre o seu sector; Diana Vigo Iglesias, directora de proxectos de A Misela, que tratará de plasmar as facilidades que lograron para desenvolver proxectos e como o Galp traballa de xeito transversal coa inclusión; e Rosa Martínez Ferreiro, da Produtora SocialDocs, artífice do citado documental.

O acto rematará cunha degustación de produtos da Costa Sostible, xa que a aposta polas materias primas de cercanía foi outro dos eixes fundamentais da actuación da entidade anfitrioa, coa súa marca Km 0 de Margalaica.

Para o desenvolvemento do acto contarán coa presenza da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.