O Correo de Barbanza

O Son avanza na seguridade cunha rotonda en Xuño que estará rematada en novembro

Optimizará os movementos no lugar do Cruceiro // Manteranse os aparcadoiros a ambas marxes e habilitarase un paso de peóns

  • 06 sep 2021 / 20:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou este luns que no vindeiro mes de novembro estará rematada a nova glorieta da estrada AC-550 en Xuño, que reforzará a seguridade viaria nesa contorna de Porto do Son cun investimento da Xunta de 322.000 euros.

Fíxoo acompañada polo alcalde sonense, Luis Oujo, durante a supervisión da actuación nunha vía que constitúe a principal arteria de vertebración do concello e que ten como finalidade ordenar os movementos do tráfico rodado no lugar do Cruceiro, na parroquia de Santa María de Xuño, un treito da mencionada estrada autonómica que rexistra unha intensidade media de tráfico de máis de 5.000 vehículos ao día.

Esta intervención céntrase na construción dunha nova glorieta co fin de mellorar o funcionamento da intersección que conecta a AC-550 coa vía que leva á igrexa pola marxe esquerda; e co viario que se dirixe ao colexio, ao centro de saúde e á praia das Furnas, pola marxe dereita.

Ao respecto, durante a visita Ethel Vázquez puxo en valor a importancia desta actuación para mellorar a seguridade viaria nun núcleo de comunicacións importante da estrada AC-550 para o acceso aos equipamentos sanitarios e educativos e que rexistra moita afluencia de vehículos, especialmente no período estival.

Asemade, sinalou que os traballos de execución comezaron a mediados de agosto, polo que aínda están nunha fase moi inicial, aínda que empezan xa a coller ritmo e estarán a pleno rendemento nas vindeiras semanas. As obras teñen un prazo de execución de tres meses, polo que estarán finalizadas no mes de novembro.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade indicou que a nova rotonda, cun diámetro de 28 metros, busca que os condutores perciban mellor o cambio entre a zona urbana e a zona interurbana para que, deste modo, moderen a súa velocidade.

Así, con ese obxectivo, as obras transformarán o actual cruce, no que concorren catro vías. Os viarios que acceden á rotonda contarán cun ancho de 3,50 m por carril, salvo o que dá acceso á praia das Furnas, que adoptará o ancho actual, de 2,50 metros.

A maiores, segundo recolle o proxecto, executaranse tamén muros de contención, na zona leste e na marxe dereita da vía da igrexa; reporase o firme e a sinalización, tanto horizontal coma vertical, e colocaranse as defensas necesarias na estrada tras a execución das obras. Ademais, reporanse todos os servizos de electricidade, telefonía, abastecemento, pluviais, fecais e alumeado que se vexan afectados polos traballos.

Destacar que a intervención prevista permitirá manter os aparcadoiros a ambas marxes, aínda que adaptados ó novo trazado da glorieta. Ademais, para incrementar a seguridade peonil, habilitarase un paso de peóns en dirección a Ribeira, a unha distancia duns 35 m da rotonda.

Ethel Vázquez lembrou que esta nova actuación responde á solicitude realizada polo Concello, e súmase a outra intervención de mellora da seguridade xa realizada nesta estrada en Portosín, para a eliminación do treito de concentración de accidentes na que tamén se construíu unha nova rotonda, cun investimento autonómico de preto de 500.000 euros. Polo tanto, dixo, un investimento conxunto da Xunta superior aos 800.000 euros para reforzar a seguridade e a mobilidade dos veciños de O Son.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade avanzou outras actuacións importantes no municipio, como a nova depuradora de Queiruga, cuxo documento técnico se está a rematar, antes de licitar as obras.

Sobre este tema pronunciouse recentemente o alcalde de Porto do Son tras abordarlo nunha reunión de traballo co presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo. Oujo manifestou que teñen “un elevado porcentaxe de saneamento executado a día de hoxe, e quedan dúas parroquias fundamentais, que son Queiruga e Sampedro. Por parte da Xunta de Galicia existe o compromiso de licitar nesta anualidade o saneamento de Queiruga e de traballar na posta en marcha do futuro proxecto que dotará deste servizo ao núcleo de Sampedro”, afirmou.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.