O Correo de Barbanza

Os hostaleiros de Boiro amosan o seu malestar pola subida do concello a nivel alto ante a COVID

  • 10 abr 2021 / 17:33
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Asociación de Hostalería Boiro-Rianxo amosou a súa disconformidade ante a decisión da Xunta de Galicia de pasar Boiro do nivel medio baixo de restricións ao nivel alto pola evolución da COVID, en base ao informe da Dirección Xeral de Saúde Pública e do subcomité clínico.

O colectivo expresou o seu profundo malestar “cunha medida preventiva, non en base a datos reais, que prexudicará gravemente ao sector hostaleiro de Boiro, xa ferido de gravidade despois de máis dun ano soportando bandazos e erros, sen medidas de apoio real para indemnizalo pola paralización da súa actividade”.

Engade que “esta medida, como a propia Xunta de Galicia recoñece, adóptase sen que Boiro supere os 250 casos de incidencia acumulada por 100.000 habitantes en 14 días. Sendo a día de hoxe 142, incluso estaría por debaixo do nivel medio (150-250). E tamén recoñece que se fai pola extrapolación da incidencia actual de 7 días a 14”. A entidade considera que “é moi grave que esta decisión preventiva, basada en suposicións de futuro, lamine os intereses do sector ao pasar do 50 % de aforo interior e 75 % en terraza a só dispór do 50 % en terraza, cando se estaba arrancando de novo, recuperando persoal dos ERTE’s e cos elevados custes que todo esto supón”.

“Semella totalmente falto de responsabilidade, competencia e sentido común adoptar xa esta medida cando pola propia Xunta de Galicia se vai realizar un cribado de 4.000 persoas nesta fin de semán (21 % da poboación total de Boiro), sen esperar a coñecer os seus resultados. Unha información que sería moi esclarecedora da situación real e da previsión de futuro”, sinalan.

A asociación afirma que “a hostalería volve ser demonizada e utilizada para facer que se fai, cando tanto as autoridades como o conxunto dos cidadáns coñecen perfectamente a orixe e focos de contaxio, que nada teñen que ver cos nosos locais, pero que son os que se ven prexudicados de xeito grave, sen que sexan indemnizados”.

“A hostalería, nunha amplísima maioría, cumpre cas normas e cas medidas adoptadas polas autoridades, aínda sen compartir moitas delas. Nin de lexos outros sectores, aínda sendo coñecidos focos de contaxio, soportan o nivel de vixiancia e control que hai sobre os nosos negocios. Por outra banda, tamén é coñecido que cas restricións ou peches da hostalería as reunións trasládanse ao ámbito privado, con moito máis risco, no que a Xunta de Galicia ven de relaxar as limitacións”, sinalan.

Asimesmo, para a entidade sectorial “a día de hoxe, tanto noutras comunidades autónomas como noutros países, aínda tendo niveis de restricións moito máis baixos na hostalería, o nivel de incidencia dos contaxios é semellante ao de Galicia. E, por outra banda, países ca hostalería e comercio non esencial pechado dende novembro sufriron con virulencia a terceira e a cuarta ola”.

Por último, o colectivo pide aos hostaleiros “que sigan cumprindo ca normativa, como veñen facendo, o que moralmente nos lexitima para seguir demandando maior responsabilidade das administracións e a posta en marcha dun plan de rescate real, non con axudas, senón cas indemnizacións ás que lexitimamente teñen dereito”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.