O Correo de Barbanza

Outes, Noia e Lousame desenvolverán un taller de emprego en xestión forestal

Uns vinte alumnos recibirán formación durante nove meses e realizarán prácticas

  • 08 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Outes. Un total de 20 alumnos dos concellos de Outes, Noia e Lousame formaranse nos próximos meses en actividades de conservación e mellora de montes, grazas a un novo obradoiro de emprego que terá a sede no municipio outense. A achega por parte da Xunta de Galicia para tal fin ascende a 347.000 euros, así como unha achega de 16.500 euros para incentivar a contratación en empresas da bisbarra das persoas participantes unha vez remate o taller.

Durante nove meses o alumnado recibirá a formación teórico-práctica prevista nos certificados de profesionalidade, alternándoa ademais co desenvolvemento de traballos consistentes na mellora de masas arbóreas, rozas, podas ou reforestación; son algunhas das actividades que desenvolverán en diferentes espazos forestais dos tres municipios.

Os alcaldes dos tres concellos, Manuel González (Outes), Santiago Freire (Noia) e Teresa Villaverde Pais (Lousame), destacaron o importante esforzo que se está facendo para achegar a formación á poboación do rural e para ofrecer obradoiros adaptados ás necesidades actuais das empresas.

Neste senso, o rexedor outense recalcou que “mellorar a formación en todos os ámbitos permite optar a postos de traballo máis estables e con máis calidade nun sector con moito potencial como é o forestal”.

Asemade, os munícipes animaron ás persoas en desemprego “a aproveitar esta oportunidade porque a formación recibida é a mellor carta de presentación para atopar un emprego”. As persoas aspirantes deberán estar inscritas no servizo público de emprego correspondente ao seu concello.

Pola súa banda, Freire destacou que, no caso concreto de Noia, “este é o cuarto obradoiro de emprego conquerido nos últimos anos, practicamente un por anualidade, cando se levaban décadas sen ter xestionado ningún”. m. c.

Tema marcado como favorito