O Correo de Barbanza

Poñen en valor o proxecto de xestión da agua de Noia

Servirá de exemplo no taller online dos avances acadados a través da iniciativa Aquamundam

  • 11 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Xunta puxo onte en valor a experiencia piloto de xestión intelixente desenvolvida nos servizos de saneamento e abastecemento de auga do concello de Noia, para a mellora do ciclo integral da auga e o correcto mantemento das infraestruturas.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez López, inaugurou o taller en liña dos avances acadados a través da iniciativa europea Aquamundam, no que participan durante dúas xornadas setenta profesionais implicados no ciclo integral da auga.

A responsable da entidade hidráulica do Executivo autonómico destacou a importancia deste proxecto para a introdución de ferramentas innovadoras que permitan aos responsables do mantemento destes servizos municipais “ter un coñecemento exacto do funcionamento das redes ou monitorizar o seu funcionamento para facelo máis eficiente, evitando atrasos na resolución de incidencias, perdas no abastecemento ou infiltracións nos sistemas”.

A rede de saneamento foi inspeccionada e cartografada baixo a dirección de Augas de Galicia, examinando máis de 60 kilómetros da mesma. Partindo desta información xeráronse modelos matemáticos para estudar o funcionamento actual da rede de colectores e propoñer medidas que o melloren.

Doutra banda, o sistema de traída de auga de Noia foi tamén dixitalizado coa colaboración dos técnicos do Concello, o cal simplifica a consulta e actualización dos datos dos compoñentes da rede e proporciona unha maior axilidade nas tarefas de operación e mantemento da infraestrutura. No tramo final do traballo realizáronse tarefas de estudo para a instalación de sensores que midan en tempo real o funcionamento do sistema.

CONTADORES Ademais, no marco deste plan, despregouse unha rede denominada IoT que conecta sensores á plataforma Aquamundam, destacando os contadores domiciliarios con lectura remota. Segundo indicaron dende o Goberno galego, esta experiencia, centrada no centro histórico da localidade noiesa, servirá para comprobar en condicións reais as posibilidades que ofrecen estes equipos para contribuír a unha mellor prestación do servizo de abastecemento.

Cómpre lembrar que o proxecto Aquamundam conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros e está financiado con fondos europeos no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza de España e Portugal (POCTEP).

Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.