O Correo de Barbanza

Premio galego de deseño de xoias para a ribeirense Sofía Rivas

  • 29 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A igrexa da Universidade de Santiago acolle ata o día 8 de decembro a mostra das obras finalistas nas especialidades de Moda e Deseño de Xoias do certame Xuventude Crea 2020, que ten como finalidade promocionar o talento, a creatividade e a innovación da xente nova de Galicia.

Nesta edición presentáronse 24 creacións na categoría de Moda e 11 na de Deseño de Xoias. Seleccionáronse para a final oito participantes no primeiro apartado e seis no segundo. Na categoría de Deseño de Xoias, o primeiro premio, dotado con 3.000 €, foi para Sofía Rivas Souto, de Ribeira, coa creación titulada Xénese.

Sofía estuda cuarto de Deseño de Moda e, aínda que xa ten deseñado varios traxes para amigas e familiares, confesa que a súa verdadeira paixón é a xoiería, especialidade na que se formou no ciclo superior da Escola Mestre Mateo. De feito, vai destiñar o premio que vén de recibir ó seu proxecto de abrir o seu propio taller en Ribeira.

No certame Xuventude Crea sorprendeu e conquistou ó xurado cunha peza de azabache traballado en bruto, adaptando a prata á mesma, en vez de facelo ó revés. O resultado foi unha creación “conceptual, de liñas rectas, traballando o cadrado e o círculo e demostrando que o azabache pode transformarse nunha xoia moderna”, di.

O segundo premio foi para Marcos López Rodríguez (O Grove) e o terceiro para Onécimo Betances Gómez (Vigo).

Na especialidade de Moda, o primeiro foi para Ana María Vázquez Fernández (Cambre), o segundo para Catalina Estévez Reguera (Baiona) e o terceiro para Brais Albor Rodríguez (Santiago) e Ángel López Pérez (Marín).

Tema marcado como favorito