O Correo de Barbanza

Ribeira dedicaralle ás doutoras este 8-M, con cine e concurso de TikTok

Teresa Ruiz Cantero, catedrática de Saúde Pública, ofrecerá unha charla por streaming

  • 24 feb 2021 / 17:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Ribeira. A concelleira de Igualdade de Ribeira, Ana Ruiz, e a directora do Centro de Información á Muller, Dolores Crujeiras, presentaron o programa do Día Internacional da Muller, que nesta décimo novena edición se vai dedicar a un dos colectivos máis implicados na loita contra o COVID: o das doutoras.

Estímase que no concello traballan máis dun cento destas profesionais. En anos anteriores dedicouse a celebración ás enfermeiras e ás auxiliares de enfermería. A homenaxe terá lugar o luns día 8 ó mediodía a través dun acto por streaming que contará, ademais de coa parte institucional, cun relatorio ofrecido pola prestixiosa epidemiológa especializada en xénero María Teresa Ruiz Cantero, catedrática de Medicina Preventiva e Saúde Pública.

O venres 12, a partir das 19.30 horas, fronte ao CIFP Coroso, haberá un autocine coa proxección da película María Solinha, que recrea a vida desta muller galega que foi represariada polas súas ideas. O acceso será gratuíto ata encher aforo e os asistentes terán a posibilidade de comprar algúns dos menú-cines que se porán en marcha nunha iniciativa impulsada en colaboración coa patronal, pola cal establecementos locais de hostalería serán os encargados de realizalos (as xestións aínda están abertas e todo aquel local que o desexe pode sumarse poñéndose en contacto co CIM).

Tamén se lanzará unha campaña en liña pola igualdade pola que se distribuirán diversos materiais, como unha guía práctica da linguaxe administrativa inclusiva ou sendos documentos sobre o rompemento de estereotipos de xénero nos ámbitos da saúde e da educación.

Por último, cómpre salientar outra novidade consistente nun concurso de TikTok pola igualdade que leva por nome Eu tamén sei facer, e ti que fas? As persoas que queiran participar terán que gravar un vídeo nesta rede social coa temática da igualdade de xénero e etiquetalo no perfil @cimribeira, previo envío dun formulario de inscrición a ribeiradinonvx@ribeira.gal.

O prazo acaba o 12. Hai tres premios: unha tablet, uns auriculares inalámbricos e un altofalante de bluetooh. s. s.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.