O Correo de Barbanza
Seguen pendentes de elaboración os plans especiais para os núcleos de Corrubedo e A Pobra, previstos nos documentos urbanísticos // Apatrigal insta a protexer e a poñer en valor as aldeas abandonadas de Xei, Galea Vella e Abuín TEXTO Suso Souto

Seis dos hórreos máis grandes do mundo están en Barbanza e Noia

  • 09 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O arquitecto Carlos Henrique Fernández Coto, director da Oficina de Rehabilitación de Rianxo, vén de ser reelixido presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), que dende a súa creación, en 2016, levou a cabo numerosas actividades de información, concienciación e difusión.

Segundo a entidade, nas comarcas de Barbanza e Noia-Muros existen varios elementos patrimoniais danados, ameazados ou esquecidos. Na Pobra está o último Barrio dos Cataláns en pé que hai en Galicia, que foi o berce da industria conserveira traída desa rexión, e da que se perdeu unha boa parte. Este barrio completo foi catalogado no PXOM pobrense, “pero debería artellarse unha figura de restauración e posta en valor antes de que se veña abaixo”, di Fernández Coto.

“É importante por ser un conxunto arquitectónico único en Galicia, polo contido inmaterial que representa e polas potencialidades turísticas que pode acubillar”, explica.

En Boiro conseguiuse salvar a estrutura exterior do Pazo de Goiáns, e afortunadamente estase a reconstruír, “pero perdeuse todo o interior, que gardaba a autenticidade e mesmo obxectos de valor, por mor do abandono que sufriu durante varios anos, con espolios e deterioro dos materiais orixinais. Debe servirnos de exemplo a evitar”, comenta.

Xa en Mazaricos, o conxunto arquitectónico de Santa Baia de Chacín (igrexa e camposanto) atópase en completo abandono polo traslado do culto a un novo templo.

Na lista das xoias patrimoniais de Barbanza e Noia-Muros atópanse os tres hórreos máis longos do mundo. Son o de Araño (Rianxo) e os de Lira e Cabaseira (Carnota). Pero, ademais, en ditas comarcas están seis dos máis grandes do mundo, porque detrás do cuarto, que é o de Poio, e do quinto, que é o de Rossas (Portugal), están os de Isorna e Rianxiño (Rianxo) e o de Balbargos (Noia).

Todos eles miden máis de vinte metros, un selecto club no que só hai corenta hórreos en todo o mundo.

Pero tamén atesouran esas terras un dos centros históricos que conserva máis a súa autenticidade, o urbanismo e a arquitectura: o de Muros. En Ribeira as xoias son A Pedra das Cabras e a Anta de Axeitos (ou dolmen), que ademais están integradas na contorna. “O pazo renacentista que acolle o Museo Valle-Inclán é outro dos bens patrimoniais relevantes da zona. “No que a patrimonio natural se refire, o Monte Pindo é un conxunto escultórico sen competidores, esculpido pola natureza. Non quero esquecer os Castros de Baroña e Neixón, nin as pouco coñecidas laudas gremiais da igrexa noiesa de Santa María A Nova, nin o patrimonio arqueolóxico dos montes de Boiro”, dixo ó respecto.

Tamén considera importante aprobar plans especiais de protección e restauración dos núcleos de Corrubedo (Ribeira) e A Pobra, previstos xa nos respectivos plans urbanísticos dende a súa aprobación.

“Hai outros conxuntos que aínda hoxe moita xente non recoñece como patrimonio cultural, como as aldeas abandonadas de Xei (Noia), Galea Vella (Boiro) e a Aldea Esquecida ou Aldea Maldita de Abuín (Rianxo). As tres quedaron baleiras moi probablemente polo mesmo motivo (a peste). Fernández Coto propón catalogalas e poñelas en valor.

o protagonista
“A protección do patrimonio debe partir do propio pobo”
Carlos Henrique Fernández Coto
Presidente de Apatrigal

O presidente de Apatrigal, Carlos Henrique Fernández Coto, sinala que “a protección do patrimonio ten que partir do propio pobo, a través da educación nese eido. Non hai máis que ver como os hórreos, declarados bens de interese cultural (máxima protección en Galicia) son postos á venda con total naturalidade, polo descoñecemento do seu valor patrimonial e polo desapego que existe tras a transformación da sociedade agraria noutra nova”.

Con todo, o experto considera que “convén delimitar certos conxuntos etnográficos e catalogalos expresamente, e en Muros hai varios conxuntos de hórreos de moito interese, sobre todo en Louro e en Bornalle, para evitar o sucedido no rianxeiro Campo das Graneiras de Meiquiz, do que só quedan a metade dos exemplares”.

Segundo a lei de patrimonio cultural de Galicia, os hórreos, cabazos, canastros, canizos, espigueiros, graneiras, etc. de máis de cen anos son bens de interese cultural. Non se poden reformar, ampliar, desmontar ou trasladar sen a autorización expresa da Comisión de Patrimonio da Consellería de Cultura. “Con frecuencia detéctase que hai hórreos á venda en portais de anuncios ou nas redes sociais con total impunidade e publicamente”, comenta ao respecto o arquitecto Carlos Henrique Fernández Coto.

{ a letra pequena }
O valor histórico
Suso Souto

RESULTA EVIDENTE que en Galicia falta sensibilización para protexer e poñer en valor o noso patrimonio cultural. Falta, en primeiro lugar, a nivel persoal: naquelas actuacións que levamos a cabo a diario como depositarios dos bens patrimoniais que desfrutamos, pero que temos a obriga de protexer. Son moitas as ameazas: talas, pintadas, espolios, derribos, falta de mantemento... Falta tamén sensibilidade política. A protección patrimonial exercida a nivel persoal e social debe ir acompañada de políticas na mesma liña: de catalogación e de posta en valor. Non debemos resignarnos a converter as ruínas do noso pasado en decorados máis ou menos danados. Non se trata de devolverlles a vida, senón de manter o seu valor histórico.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.