O Correo de Barbanza

Veciños e negocios engalanarán Santa Uxía para o Nadal

O Concello presentou o tradicional concurso de decoración // Repartirá 1.800 € en premios

  • 15 nov 2022 / 20:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Aínda que o groso da programación de Nadal chegará en decembro, o Concello de Ribeira xa está a preparar distintas actividades que a concelleira de Cultura, María Sampedro, presentou este martes. Tal é o caso dos concursos de embelecemento de Nadal para a decoración de fachadas e xardíns, e tamén para decoración de escaparates de comercios e locais de hostalería.

As bases destes concursos publicáronse este martes no Boletín Oficial da Provincia (tamén se poderá acceder a través da web municipal) e conforme ás mesmas vanse repartir un total de 1.800 euros en premios para as tres mellores decoracións en cada modalidade: comercios, locais de hostalería e vivendas particulares.

As persoas interesadas en participar deberán decorar os establecementos dos seus negocios ou fachadas de vivendas como data límite o 18 de decembro e mantelos ata o 6 de xaneiro. A fotografía da decoración e a ficha de participación cuberta deberán enviala do 12 ao 19 de decembro para que dende Cultura se poidan publicar no Facebook do Entérate e as máis votadas serán as gañadoras.

Ademais destes concursos, tamén se van celebrar obradoiros de arte floral en todas as parroquias do municipio, que se desenvolverán dende o 12 de decembro ata o 23 e no que os participantes aprenderán a facer os seus arranxos florais e decoracións para adornar nas mesas e nas casas durante as festas.

Estes obradoiros serán gratuítos, terán lugar polas tardes, un día en cada parroquia a excepción de Ribeira onde se organizarán dous, de 18.00 a 20.30 horas e neles poderán participar veciños e veciñas maiores de 16 anos. Haberá un máximo de vinte prazas por parroquia. A inscrición para participar poderá facerse no centro cultural Lustres Rivas a vindeira semana, e o día 30 publicaranse as listaxes de admitidos.

Por outra banda, María Sampedro recordou que dende fai quince días está aberto o prazo para participar no concurso escolar para elixir o cartel e a postal de Nadal que se utilizarán de imaxe na cartelería do Concello de Ribeira.

Por último, a tenente de alcalde ribeirense avanzou que, pensando nas vacacións escolares da poboación infantil do municipio, o Concello preprarará un programa de actividades especial para estas datas, así como os campamentos para axudar ás familias coa conciliación.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.