O Correo de Bergantiños

A arte de Nerea Vilariño ilustrará o cartel do San Xoán de Carballo

  • 21 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Nerea Vilariño Cabeza, unha carballesa de 20 anos que está rematando os seus estudos de Ilustración na Escola Pablo Picasso da Coruña, é a gañadora do Concurso do Cartel de San Xoán. Animada por un amigo, Nerea presentou ao concurso unha proposta absolutamente novidosa, na que non hai sardiñas nin cachelas, pero si outra das tradicións máis arraigadas en Carballo: a de lavar a cara con auga de flores o día do patrón. “Non sabía se se ía entender moi ben pero penso que as flores tamén representan ben a festa de San Xoán, e non é a mítica cachela”, apunta. A ilustradora convida a desfrutar dunha festa en feminino, tanto polo motivo como polo colorido do cartel.

Nerea Vilariño recolle o relevo doutro carballés, Cervo Varela, gañador da edición do 2019 con outra proposta tamén diferente que representaba o empoderamento das avoas. “Os nosos artistas demostran que, ademais de creativos, son tamén reivindicativos”, afirman dende o Concello carballés.

O deseño deste ano competiu con outros 40 carteis chegados dende localidades como Vigo, Santiago, Coristanco, Malpica, Noia, Arteixo, Aranga, Oleiros, Pontevedra, Ferrol, Vilagarcía... e mesmo de Asturias. A participación local foi moi destacada, xa que aproximadamente a cuarta parte dos artistas presentados son de Carballo. O xurado estivo composto polos membros da comisión de festas.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.