O Correo de Bergantiños

A EFA Fonteboa, de Coristanco, gaña o vixésimo segundo Premio Aresa

Recoñécese así o seu labor na formación dos futuros profesionais do ámbito rural // O galardón está dotado con dez mil euros

  • 02 feb 2022 / 20:13
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Centro de Promoción Rural - EFA Fonteboa, de Coristanco, é o gañador da vixésimo segunda edición do Premio Aresa. Así o decidiron, por unanimidade, os membros do xurado, integrado polo reitor da USC, Antonio López; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; María Cruz Díaz, presidenta da Asociación Nacional de Enxeñeiros Agrónomos; Carme Pampín, CEO de GalChimia, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, que se reuniron este mércores para avaliar as trece candidaturas presentadas.

O reitor da USC valorou a diversidade das candidaturas porque, segundo dixo, “contamos con moita variedade nos proxectos, desde formativos ata de investigación, gandeiros ou agrícolas...Todas elas, iso si, con moito valor”. Respecto á EFA Fonteboa destacou que “xa fora finalista en anteriores edicións e queremos destacar así, nesta ocasión, a importancia que a formación de profesionais ten para o desenvolvemento presente e futuro do sector primario, dos sectores agrícola e gandeiro de Galicia”.

“Para estar á altura dos retos que se veñen, é necesario contar con profesionais formados e cualificados e a EFA Fonteboa ten unha longa traxectoria na formación do ámbito rural”, engadiu.

A gala de entrega do premio será o vindeiro 11 de marzo no auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo. O galardón está dotado con 10.000 euros e unha placa conmemorativa.

Ademais da EFA Fonteboa, presentaron candidaturas a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga); Cooperativa Tres Fuciños; Muuhlloa; Timbersoul; Traloagro; Amarelante; DOP O Cebreiro; Estratexia de loita ecolóxica fronte á praga da rata topo; Carabuñas; Gandería María Dolores Vázquez Carballés; Belacolmea, e Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Couso.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.