O Correo de Bergantiños
Os seus produtores pelexan por crear unha marca de garantía para diferenciarse no mercado // O agricultor Juan Ramón Sanjurjo dá detalles da plantación e da festa que se celebra cada ano en honra ao tubérculo

A pataca, activo cultural e patrimonial polo que aposta o concello de Coristanco

  • 19 sep 2020 / 09:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A pataca de Coristanco é un produto recoñecido en toda a comunidade galega, que busca a diferenciación. “Ao haber pataca de Galicia non podemos crear unha IXP (Indicación Xeográfica Protexida) polo que estamos pelexando para crear unha marca de garantía que vai estar dentro da IXP Pataca de Galicia e iría baixo o nome de Pataca de Coristanco”, explica Juan Ramón Sanjurjo, presidente da Asociación de Produtores de Pataca de Coristanco. Ao ir baixo esta marca de garantía é unha forma de que a xente sepa realmente a orixe do tubérculo. “Vas a moitas froitarías nas que hai un letreiro de Pataca de Coristanco e na metade delas é mentira xa que non hai tanta cantidade para repartir”, conta.

PRODUCIÓN DE CALIDADE. O obxectivo principal é darlle una estructura ao sector. Así os agricultores buscan producir por calidade e non por cantidade para colocar o produto na mellor posición do mercado.

O número de hectáreas de plantación é difícil de establecer. “Calquera señor maior que plantou toda a súa vida, cinco ou seis ferrados, é terreo que non se contabiliza”, di. O que si nos afirma Juan Ramón é que a gran maioría dos habitantes de Coristanco están inmersos neste mundo. “Antes nas aldeas había unhas cantas vacas pero a día de hoxe esas pequenas explotacións viñéronse abaixo e eses terreos son unha opción viable para plantar pataca, como vía de obtención de ingresos”, engade.

Un 95 % da produción no municipio é Kennebec. Residualmente plantan algo Red Pondiac, de pel vermella e carne totalmente branca e da Fina, que na actualidade están intentando darlle un pequeno empuxón para ver se ten algunha saída.

A INFLUENCIA DO CLIMA. Normalmente plántase a finais de marzo ou principios de abril. As primeiras patacas que lle chaman “de cedo” incluso se poden chegar a plantar en febreiro, pero o groe soe cadrar en abril. O primeiro trimestre deste ano foi húmido e ata maio non se plantaron. Nestes primeiros quince días de setembro están empezando coa recolección.

As deste ano son de boa calidade pero non abundantes. Por moi ben que o faga o agricultor, sempre dependerán do clima. “Este ano choveu ata moi tarde e unha vez que as plantamos practicamente non choveu. Ao non ter agua as patacas non creceron todo o que tiñan que crecer”, destaca. En volumen imos ter menos kilos de pataca pero a calidade será excelente porque non se encheron de auga. A plantación e recolección é un traballo complexo. “É precisa unha formación que non hai, entón tes que ir aprendendo a base de probar e do que falas cos demais”, aclara.

A 40ª EDICIÓN DA FESTA DA PATACA TEN QUE ESPERAR. Chega setembro e como cada ano celébrase a Festa da Pataca, concretamente o terceiro fin de semana do mes. Hoxe daría comenzo a 40ª edición, pero polo tema do covid foi suspendida. “Tiñamos moita ilusión porque ía ser o corenta aniversario, que terá que esperar ao ano que ven”, expresa. Para os habitantes e agricultores de Coristanco non foi un golpe dun día para outro porque xa eran conscientes da situación que se estaba vivindo. “Intentamos alargalo o máximo posible porque sempre hai a esperanza de que a cousa mellore pero ao final vimos que o máis responsable era non celebralo”, conta. O que soe facerse nestas datas son charlas informativas para os produtores con xente profesional doutras zonas, xuntanzas dos agricultores para facer o resumo da campaña, exposicións de maquinaria, degustacións gastronómicas... Unha das cousas máis chamativas son os tratores engalonados con patacas. “Os rapaces vanos preparando con tempo polo que é unha sensación que se vai vivindo xa semanas antes da celebración da festa”, asegura. A maiores, hai postos para ensinar a pataca. Así, os centos ou miles de persoas que se acercan ao municipio durante estos días teñen a opción de levar o produto para as súas casas.

En trámite na Xunta de Galicia para ser declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, o tubérculo convértese cada ano no activo cultural e patrimonial polo que aposta e seguirá apostando o Concello de Coristanco.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.