O Correo de Bergantiños

Achegan á praia de Razo os libros e a información aos visitantes

Ata o día 15 de xullo cinco librarías de Carballo ofrecen descontos e rascas por compras de quince euros

  • 09 jul 2021 / 18:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Carballo. As portas da biblioteca coas mellores vistas do mundo xa están abertas dende este venres en Razo (Carballo), onde ademais de tomar o sol, practicar surf, bañarse ou xogar ao volei, os usuarios da praia tamén terán ao seu alcance os últimos éxitos literarios e un punto de información turística no que poderán poñerse ao día de todo o que pasa no concello e na contorna.

A Praia dos Libros é un novo espazo compartido polas Bibliotecas de Carballo e a Oficina de Información Turística, que foi inaugurado polo alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; a concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez; e a futbolista Elena Vázquez, que é a imaxe da campaña de promoción á lectura deste verán.

Utilizar a bibliopraia vai ser moi doado. Estará aberta de luns a venres, de 13.30 a 17.30 no mes de xullo e de 13.30 a 16.30 en agosto, e funcionará o mesmo sistema que nas bibliotecas da vila. Para utilizala bastará con amosar o carné para acceder ao préstamo de material durante sete días. Os que non o teñen poderán facelo na propia bibliopraia ou recorrer ao servizo de bookcrossing, de uso libre.

No mesmo emprazamento, moi próximo ao posto principal do servizo de salvamento e perfectamente identificado, tamén está habilitado un novo punto de información turística que funcionará de martes a venres en horario de 11.00 a 14.00 e de 15.30 a 18.30, e as fins de semana, de 11.00 a 15.30. A oficina de turismo situada no Museo de Bergantiños continuará prestando servizo de xeito paralelo, aínda que cun novo horario durante o verán: de martes a venres de 10.00 a 14.00 e de 19.00 a 21.00, e as fins de semana de 10.00 a 14.00.

A Praia dos Libros tamén inclúe unha campaña de promoción da lectura ata o 15 de xullo en colaboración coas librarías locais Brañas Verdes, Clarión, Ler, Teldy e Trasgo. Pero esta fin de semana é especial. Dende hoxe ata o domingo 11 as compras de libros terán un 10% de desconto. E, ademais, durante toda a promoción por cada compra igual ou superior a 15 euros en calquera das cinco librarías adheridas, o comprador levarase un rasca co que poderá gañar outros vales desconto de 15 euros para seguir mercando libros no mesmo establecemento.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.