O Correo de Bergantiños

Acondicionado o bordo litoral do esteiro do Anllóns no municipio de Cabana

  • 14 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

CABANA. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, supervisou os traballos de acondicionamento ambiental e posta en valor do bordo litoral realizados no esteiro do río Anllóns, promovidos polo Concello de Cabana ao abeiro do Grupo de Acción Local Pesqueiro (GALP) Costa da Morte. En concreto, esta actuación posibilitou a recuperación da servidume de tránsito e a restauración ambiental entre a praia do Curro e o monte San Sebastián –uns 1.000 metros– ante a necesidade de mellorar o seu estado.

A conselleira, que estivo acompañada polo alcalde, José Muíño, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, especificou que o proxecto contou cunha axuda pública de preto de 200.000 euros (o 85 % do custe total) para mellorar a calidade de vida dos usuarios deste espazo, aumentando o percorrido da senda peonil existente ata alcanzar os 4,5 quilómetros nos últimos treitos da ribeira do río Anllóns.

A titular de Mar puxo en valor este proxecto ao tratarse dun espazo protexido con alto valor ambiental e natural, incidindo no atractivo turístico e na recuperación dos sinais de identidade propios do municipio así como na busca de compatibilizar os usos do litoral cos sociais, culturais e de lecer. Salientou a contribución desta iniciativa á hora de concienciar e educar tanto sobre os valores do territorio como da cultura mariñeira.

O GALP Costa da Morte levou a cabo un total de 51 proxectos dos 661 que desenvolveron os Grupos de Acción Local Pesqueiro durante o período 2016-2021. De feito, dos 38 millóns de euros que destinou a Xunta a estas iniciativas, un 14 % (5,3 millóns) foron para este grupo, ao mesmo tempo que dos 470 empregos que se crearon en Galicia a tempo completo grazas a estas iniciativas 30 corresponderon a este ámbito.

Os traballos levados a cabo durante o pasado ano no bordo litoral do esteiro do río Anllóns incluíron movementos de terra, drenaxe, actuacións de xardinería, pavimentación e inclusión de mobiliario urbano e sinalización, entre outros. Así, a senda actual entre a praia do Curro e o monte San Sebastián dispón de paneis interpretativos que axudan a coñecer o hábitat fluvial e fomentan a protección dun lugar de importancia comunitaria, así como dos produtos da actividade marisqueira.

O espazo conta tamén cun novo observatorio de aves nunha contorna declarada de especial protección destes animais, onde se vén desenvolvendo unha importante tarefa de investigación e divulgación. O proxecto ten unha funcionalidade paisaxística, de carácter turístico, recreativo e de desenvolvemento sostible co fin de construír unha zona de esparexemento e interpretación ambiental.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.