O Correo de Bergantiños

Aparcamentos exprés na contorna das farmacias e zonas comerciais de Carballo

  • 07 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Concellaría de Mobilidade de Carballo, coincidindo co 20 aniversario da zona azul vén de habilitar áreas de aparcamento “exprés” nas contornas das farmacias e outras zonas comerciais. Mentres na zona azul o estacionamento está limitado a 90 minutos, nas prazas “exprés” o obxectivo é facilitar as compras rápidas permitindo o aparcamento de turismos durante un máximo de 10 minutos.

Esta fórmula, que xa se viña aplicando, por exemplo, na rúa Gran Vía, xunto ao Mercado Municipal, ou na Valle-Inclán, estenderase agora ás contornas de todas as farmacias. A petición, precisamente, dun establecemento deste sector, habilitouse unha nova área “exprés” na rúa Vitoria. “Aproveitando esta mellora ampliamos a zona de carga e descarga, respondendo tamén a unha demanda do comercio da zona, e agrupamos os contedores en dúas illas verdes situadas nesa mesma rúa e na veciña Ponte. Con este sistema optimizamos o aproveitamento das zonas amarelas, que terán triplo uso: de 07.00 a 12.00 horas, para carga e descarga de vehículos de mercadorías; de 12.00 a 20.00 horas, parada “exprés” de 10 minutos para todo tipo de vehículos, e de 20.00 a 07.00 horas, para estacionamento libre”, afirman dende o Concello.

O obxectivo é dotar a área urbana de aparcamentos máis eficientes, que poden ser utilizados por un maior número de usuarios ao longo do día e tamén se habilitan como estacionamento fóra do horario comercial. Os novos aparcamentos “exprés”, que reforzan a aposta do Concello de Carballo por unha ampla rede de estacionamentos gratuítos próximos ás zonas máis comerciais, seguirán estendéndose nos vindeiros días polo ámbito urbano.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.