O Correo de Bergantiños

Baldaio será un dos espazos no que se realizará a 9ª Limpeza simultánea de praias organizada por Adega

Na edición pasada retiráronse do litoral galego preto de 900 quilos de residuos e participaron máis de 800 persoas // Este ano haberá restricións no número de participantes

  • 10 oct 2020 / 13:03
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Carballo. Adega convoca un ano máis a Limpeza simultánea de praias, unha xornada de voluntariado ambiental que ten como propósito concienciar á sociedade na loita contra a contaminación mariña. Esta novena edición terá lugar o sábado 17 de outubro en ducias de areais galegos, entre eles Baldaio.

Están chamados a participar na limpeza de praias e denunciar esta problemática ambiental os centros de ensino, escolas de surf, centros de mergullo, clubs de piragüismo e vela, pescadores, mariscadoras, concellos, e entidades de todo tipo, tanto públicas como privadas, ademais das persoas particulares.

O obxectivo das limpezas de praias é o de eliminar parte dos residuos como símbolo de chamada de atención sobre esta a situación de contaminación que sofren as nosas praias e areais. As principais causas desta problemática ambiental débense situar no modelo de consumo e produción baseado no modelo “usar e tirar”, a deficiente xestión dos residuos que xeramos e a falta de concienciación dalgúns sectores da poboación. Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos, procedente en parte da industria do mar (pesca, extraccións...), pero tamén dos nosos fogares.

Na edición do ano pasado da Limpeza simultánea de praias retiráronse do litoral galego preto de 900 quilos de residuos, principalmente microplásticos, cabichas e pauciños de limpar as orellas, e participaron máis de 800 persoas.

ASESORAMENTO ÁS ENTIDADES PARTICIPANTES. Dada a necesidade actual de extremar as medidas de precaución pola COVID-19, nesta ocasión os grupos de voluntariado terán que seguir as debidas normas de seguridade sanitaria atendendo as restricións de cada lugar en canto ao número de participantes.

ADEGA ofrece asesoramento ás entidades participantes e proporciónalles o material divulgativo e os protocolos de limpeza. Súmate á limpeza de Baldaio enviando un correo a mcanedo@udc.es ou chamando ao teléfono 981570099.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.